O Xulgado do Social nº 4 de Ourense, recoñece o dereito dun traballador do SPIF a adaptar a quenda de traballo por conciliación familiar sen ter que reducir a xornada nin o salario.

O pasado 5 de decembro, este traballador fixo unha solicitude de adaptación horaria para poder conciliar a vida familiar e laboral diante da Consellería do Medio Rural, ao abeiro do recollido no Real decreto lei 6/2019 de 1 de marzo de medidas urxentes para a garantía de igualdade de trato e oportunidades entre homes e mulleres no emprego e na ocupación.

Este decreto recolle, que diante dunha petición, a empresa empresa abrirá un proceso de negociación coa persoa solicitante no prazo de trinta días. A Consellería do Medio Rural, nin sequera iniciou tal negociación e cinguiuse a desestimar a petición o día 14 de xaneiro, polo que o traballador tivo que denunciar ante o Xulgado para defender un dereito fundamental amparado pola norma.

Non é de estrañar este proceder por parte da consellería, tendo en conta, que o propio decreto de medidas para a conciliación establecía o prazo dun ano para acadar o plan de igualdade na empresa, e a Consellería do Medio Rural e a propia Xunta de Galiza a día de hoxe seguen sen plan e a velas vir. Levan 12 anos de retraso en elaborar un plan de igualdade que ten que ser obxecto de negociación colectiva, e o persoal do SPIF -e o resto do persoal a quendas- foi excluido pola propia Xunta de Galiza das medidas de flexibilización horaria recollidas no Anteproxecto de Lei de impulso demográfico. Suma e segue.

A sentenza, contra a que pode haber recurso, brinda unha primeira vitoria neste campo no que os servizos de emerxencias -e máis en concreto o SPIF- estaban discriminados automaticamente polo mero feito de traballar neste sector.

Dende a CIG consideramos esta sentenza un paso importantísimo no camiño cara unha conciliación real e efectiva, e convidamos a Xunta a retomar o camiño da negociación para cumprir a norma , evitar un ronsel de denuncias, e cumprir coas obrigas legais, máxima cando estamos a falar da Administración pública e incumprimentos de dereitos fundamentais.

A conciliación é un dereito e unha necesidade. Defende os teus dereitos.