O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais da Xunta de Galiza reuníuse o luns 25 nunha teleasemblea para analizar a falta de interese da Xunta a negociar as condicións de traballo do colectivo.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT E CSIF levamos á mesa de negociación aberta o pasado 9 de agosto de 2019 as demandas dos enxeñeiros técnicos forestais e enxeñeiros de montes, que traballan en tarefas esenciais da coordinación e xestión das emerxencias por incendios forestais, ademais da xestión forestal do monte galego, sen que ata hoxe a Administración fose quen de presentar ningunha proposta.

Este persoal conta cun acordo de condicións de traballo do ano 2008 que se demostra desfasado polos cambios na consellería, distribución de persoal e condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais; e que foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019. Así, o acordo de 2008 contradí varios preceptos da normativa laboral, polo que reclamamos un NOVO ACORDO que dea como mínimo solución aos seguintes conflitos:

  • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Redución do horario anual que supera as 2.000 horas (arredor de 500 horas máis que o resto de empregados públicos).
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.
  • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un/ha segundo/a xefe/a de garda por distrito forestal. Diminuír a interinidade, que é do 50%, engadindo todas as vacantes na seguinte oferta de emprego público.
  • Segunda actividade e coeficiente redutor para os maiores de 60 anos.

Ante a situación de paralización da negociación dun novo acordo de condicións de traballo por falta dunha proposta da Administración sobre a que debater, o colectivo decidiu reunirse nunha
primeira teleasemblea e acordar as medidas para desenvolver nas vindeiras semanas.