A Comunidade Autónoma de Galiza está dende o dia 25 de maio na FASE 2 do plan de desescalada cara á chamada “nova normalidade” que agárdase conclúa neste mes de xuño. O feito de acceder a esta FASE 2 significa que en Galiza o número de contaxios (tasa R0) está por debaixo de 1, que o número de novos casos de poboación infectada por Covid-19 é de menos de 2 casos por cada 100.000 habitantes, que hai máis dun 50% de camas libres nas UCIs e que hai menos do 30% de uso de camas hospitalarias por persoas infectadas por Covid-19. Así mesmo estas condicións estanse dando dende hai máis de 15 días.

Nesta fase xa non compre o confinamento da poboación e xa se permite a libre circulación dentro da provincia. 

Por outro lado o Presidente da Xunta ten convocado eleccións autonómicas para o mes de xullo, en vista do retroceso da pandemia en Galicia.

Así mesmo nos centros da Consellería de Política Social, tamén se está a voltar á normalidade, con cada vez menos casos de Covid-19.

Entendemos por todo isto que as condicións polas que traballadores/as da Consellería de Educación foron derivados a centros de traballo doutras Consellerías xa non existen, polo que non ten sentido que continúen a prestar servizos noutros postos que non sexan os que refiren os seus contratos de traballo.

Consideramos que en vista do paso á FASE 2 da desescalada, os servizos que están prestando os traballadores e traballadoras da Consellería de Educación xa non responden á necesidade pola que o Real decreto 463/2020 facultaba ás administracións a exercer a potestade de mobilidade deste persoal, e que o feito de que parte do persoal da Consellería de Educación continúe a prestar servizos na Consellería de Política Social desvirtúa o sentido de necesidade para o que se permitiu tal mobilidade.

A CIG reclama á Administración Autonómica que remate esta mobilidade e traspaso de persoal entre consellerías e que, polo tanto, o persoal da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional deixe de prestar servizos noutras consellerías e retorne ós seus destinos nos postos que lles corresponden na consellería.