O Consello da Xunta do 15/05/2020, aprobou o “O Plan de dixitalización dirixido a autónomos, comercios e Pemes". Vai ser un impulso da Xunta dotado con 23,5 millóns de euros para que esas empresas gañen en competitividade no novo contexto económico. Ainda non publicaron a orde no DOG pero xa están a facer propaganda (ver cartace) (ver no web do IGAPE)

Con esta medida, a Xunta vai subvencionar ás pequenas e medianas empresas ata 80% da compra de material informático que necesiten así como a asistencia técnica necesaria para que os seus traballadores e traballadoras poidan teletraballar. Por lóxica, o restante 20% vai ter que asumilo cada empresa subvencionada.

E mentres, que fai a Xunta co seu propio persoal e o seu teletraballo? Vampirizalo.

A Xunta non vai darse unha subvención a si mesma para a adquisición do material. O que vai facer e recibir a subvención, do seu propio persoal, xa que vai ser cada empregado e empregada da Xunta quen vai subvencionar o 100% da adquisición do material informático para realizar teletraballo.

Poñer en marcha o teletraballo xa

Durante esta crise sanitaria quedou demostrado que a Administraciou pode funcionar con moito persoal realizando teletraballo dende os seus domicilios. Pero a pesares da insistencia da CIG, Función Pública négase á constitución do grupo de traballo para avanzar no desenvolvemento normativo do teletraballo recollido no Protocolo de reincorporación ao traballo. 

Na CIG estamos convencidas/os de que o teletraballo é a modalidade de prestación do traballo do presente e do futuro máis inmediato por razóns económicas de aforro, de produtividade e, sobre todo, por ser unha ferramenta valiosísima para afondar nunha verdadeira conciliación da vida laboral e familiar do conxunto dos/as empregados/as públicos/as.

Non hai ningunha escusa válida para negarse a tal evidencia salvo que a intención da Xunta de Galiza sexa dar pasos atrás na conciliación laboral e familiar no canto de erixirse nunha Administración moderna, eficaz e preocupada polo benestar do seu persoal.