Conseguiu que Política Social dese marcha atrás na súa intención de limitar as vacacións

O persoal de todos os centros de atención directa que dependen da Consellaría de Política Social volveron mobilizarse o xoves 4 para reclamar a restitución dos dereitos recortados en 2012 coa escusa da crise económica. Os traballadores e traballadoras veñen de acadar que a Xunta dese marcha atrás na súa intención de limitar as vacacións anuais, pero manterán as protestas todos os xoves do mes de xuño en defensa das súas condicións de traballo e duns servizos públicos dignos e de calidade.

As concentracións tiveron lugar novamente diante dos centros de traballo de 11:00 a 11:30 horas. Nesta ocasión escolleuse a residencia Volta do Castro de Santiago para celebrar a protesta principal, onde os representantes das centrais convocantes -CIG, CCOO, UGT e CSIF- compareceron diante os medios de comunicación.

A CIG valora moi positivamente a resposta dos traballadores e traballadoras, á que cualificamos como un acto de dignidade na loita pola devolución dos dereitos laborais do convenio.

Os sindicatos convocantes denunciamos que a Xunta, en lugar de devolverlle os dereitos arrebatados ao persoal que traballou en servizos esenciais durante a pandemia, e valorar o esforzo, a dedicación e o risco asumido, a Consellaría de Política Social sigue mantendo os recortes nas súas condicións laborais.

E isto a pesar de que os centros de atención directa a usuarios/as (residencias de maiores, centros de menores, centros de atención a persoas con discapacidade, centros residenciais, etc.) foron duramente afectados pola crise sanitaria do coronavirus pola súa especial vulnerabilidade, tanto polas persoas usuarias ás que prestan servizo como polo persoal traballador que conviven nos mesmos, e o persoal segue con xornadas maratonianas e concentradas e incluso con traslados forzosos.

Todo o persoal destes centros actuou desde o primeiro momento con máxima dedicación e compromiso para tentar frear a afección da pandemia, mentres polo contra a Consellería mantivo unha actitude impositiva e autoritaria, cercenando os dereitos laborais durante estes últimos oito anos.

Diante disto, as organizacións sindicais reclaman:

  • Unha aposta decidida por uns servizos sociais públicos, dignos e de calidade.

  • O incremento de prazas públicas e de xestión directa.

  • A recuperación das compensacións por festivos e domingos traballados.

  • A transformación de tódolos contratos de fin de semana ou inferiores, a xornada completa.

  • A posta en valor do traballo e o esforzo realizado durante a situación de emerxencia sanitaria e coa mellora das condicións laborais.

Finalmente, e diante do que consideramos un atropelo continuado contra o persoal destes centros, e fronte á cerrazón de Política Social, que se nega a negociar, as centrais anunciamos que no caso de que non se produza esa interlocución e negociación manteremos o calendario de mobilizacións e accións de protesta durante o mes de xuño, para defender as reivindicacións laborais do persoal empregado público que traballa nos centros de atención directa a usuarios/as, dependentes desta Consellaría.