Comezou a consellaría decindo que se aprobaran os protocolos específicos revisados na anterior reunión indicando que os van publicar porque xa foron aprobados (supoñemos que unilateralmente pola consellaría), que incluíran algunhas apreciacións como a intensificación das limpezas, o coidado coa ventilación e algunha apreciación sobre a subministración de máscaras e adaptacións sanitarias.

Sobre os protocolos especificos que presentaban comentamos as alegacións que xa achegáramos por escrito, que (ademais do indicado na reunión anterior de esixir a prolongación do teletraballo, as dispensas por persoas con persoas a cargo, a esixencia de inspección de todas as ventilacións forzadas ou a subministración de máscaras para todas as persoas traballadoras) se resumen en:

Sobre a inspección de comercio na petición de dotación de medios electrónicos para non usar pepel cumprindo co protocolo  (PDAs como outras inspeccións) e sobre as indicacións para a limpeza de automóbiles reclamamos que se unificasen todos para que non houbese indicacións diferentes en cada un deles; sobre a recomendación de non haber intercambio de veículos dixemos que non se pode cumprir ao ter que usar os do parque mobil por carecer a inspección de automobil proprio.

Sobre os SMAC, xa na anterior reunión perguntáramos en que situación estaban e como sería a reincorporación e contestaron que os espazos garantían a separación entre traballadores, que a atención sería por cita e con potenciación de conciliacións telemáticas, para o que estaban trballando coa Amtega para os equipamentos e para a formación dos traballadores.

Sobre os centros de formación insistimos no caso do Centro de Novas Tecnoloxías co GAIN para que se marcasen claramente os fluxos de circulación e a separación de persoas de ambos centros.

Sobre o protocolo específico dos centros de formación, no que están incluidos os CIFP, indicamos a necesidade de especificar en cada apartado recomendacións que se dan, no mesmo protocolo, máis adiante, como a instalación de colectores de residuos con pedal, a hixienización de luvas no caso de usalas, e a información por medios de cartaces sobre medidas xenéricas de hixiene e coidado, distancias e aforo máximo de persoas por cada local. Tamén sobre os aseos, que se sinalizase claramente quen poderá facer uso deles: público xeral, alunado, funcionariado, profesorado...

Dos Centros de formación contestou especialmente ao Centro de Nova Tecnoloxía indicando que falaron co GAIN e que a información que deron é que as medidas que tomaron garanten a separación de espazos e que fixeron unha reordenación  e colocaron anteparos. Que a instauración de turnos só a contemplaban cando os espazos non permitan a adaptación e a separación.

O xefe territorial de Ourense comentou que no SMAC hai duas conciliadoras e unha sala equipada para quen non teña medios telemáticos e que o control de acceso está garantido porque o edificio en que están conta con seguridade privada.