Na CIG entendemos que o teletraballo é unha modalidade na prestación do servizo que veu para quedarse. Quedou máis que demostrada a súa eficacia tanto na prestación do servizo como, sobre todo, na conciliación da vida laboral e familiar do persoal.

Durante a vixencia do estado de alarma detectamos no persoal que estivo e está a teletraballar, grandes carencias de formación en temas de: administración electrónica, protección de datos, seguridade, teletraballo, etc. Se a iso lle engadimos que as persoas expertas falan de posibles rebrotes da pandemia no mes de outubro (ou mesmo antes), urxe dar unha solución a estas carencias formativas.

A modo de exemplo, na oferta formativa da EGAP hai cursos que cubrirían perfectamente as necesidades formativas do citado persoal:


CV19046 - Implantación da administración electrónica na Xunta de Galicia: REXEL, sede electrónica e NOTIFICA
CV20017 - Certificados electrónicos e sinatura electrónica. Uso de certificados electrónicos no contexto da Xunta de Galicia.
CV20015 - Tramitación electrónica integral na Xunta de Galicia no marco da Lei 39/2015
FC20012 - O teletraballo no sector público de Galicia.
AF20045 - Iniciación á Administración electrónica. Seguranza da información e protección de datos
CV20012 - Seguridade da información na Xunta de Galicia


A maiores, necesítase formación específica sobre a prevención de riscos laborais no teletraballo.

A oferta formativa debe ser o suficientemente ampla para chegar a todo o persoal así como facilitar esa formación tamén na modalidade de autoformación.

Desde a CIG enviamos escrito á EGAP e á Xunta de Galiza solicitando unha oferta axeitada que cubra as necesidades formativas do persoal que está a teletraballar.