Unha campaña electoral para tapar as vergoñas

O de que Galiza fora a primeira comunidade en acadar a Nova Normalidade, non é máis que outra pamplina de propaganda electoral. Mentres Feijoo anima aos galegos e galegas a desprazarse entre provincias e a vivir con sentidiño unha vida normal coa vista posta nas eleccions do vindeiro 12 de xullo, ao persoal empregado público continúan a requirilos para traballar en centros lonxe das súas casas, e moitas veces en postos e categorías moi diferentes aos seus, ou seguen mantendo traballadores/as públicos doutras consellarías prestando servizos para Política Social (aforrando cartos e deixando sen traballo ao persoal das listas) por mor do estado de alarma.

A CIG denuncia que se están a vulnerar os dereitos deste persoal que levan dando todo de si dende o inicio da pandemia, lonxe dos seus fogares e das súas familias en moitos casos.

No caso do persoal trasladado a política social dende educación, a casuística parécenos ainda máis grave, pois no seu posto de traballo empezarían xa agora as súas vacacións (polo que a xente que de forma voluntaria aceptou reforzar en Política Social vai estar discriminida sobre o resto de persoal que non aceptou).

Se Galiza está xa nunha situación de normalidade:

  • Por que continúan este persoal na mesma situación que durante o pico da epidemia?
  • Porque seguen a manter empregados públicos prestando servizos en categorías que non son as súas?
  • Porque seguen a manter persoal das listas da Xunta prestando servicios para empresas privadas e fondos buitre, pagando a Xunta os seus salarios?
  • Por que non se negocia a permanencia ou non neses postos?

Pois, porque ou nos están mentindo e as cousas non van tan ben como nos queren facer ver de cara ás eleccións ou porque, coma sempre, o goberno de Feijoo está a facer o que tan ben se lle dá ao PP: impoñer sen negociar. Ou ambas.

Exiximos que se deixe de tratar aos empregados públicos como se de corpos militares se tratase e se respecten os seus dereitos.