O Presidente da Xunta anunciou en roda de prensa a entrega dunha tarxeta de 250 euros ao persoal sanitario e sociosanitario para gastar en establecementos hosteleiros.

Os traballadores e traballadoras de política social que loitamos na primeira liña contra esta pandemia non queremos aguinaldos e rexeitamos por uso partidista e electoral este cheque-bar. O único recoñecemento posible é a eliminación dos recortes de dereitos laborais perpetuados dende 2012 e o fortalecemento do sector público, para o que é necesario:

  • Material de protección abondo e de calidade para afrontar un novo rebrote ou realizar o traballo diario con seguridade.

  • A devolución dos descansos recortados do V Convenio Colectivo da Xunta e a racionalización das carteleras de traballo.

  • Máis medios materiais e persoais que baixen a excesiva carga e que permita un servizo público de calidade.

  • Rematar xa coa cesión escandalosa de persoal empregado público ás residencias privadas.

Dende a CIG denunciamos esta falta de respecto intolerable e o insulto cara o esforzo do persoal. Rexeitamos a inutilidade do emprego de cartos públicos nunha tarxeta monedero de Abanca, para colmo condicionada ao seu uso en determinados establecementos hosteleiros.

É evidente o tufo electoral e de negocio de amigos aproveitándose do esforzo do seu persoal. O PP non ten escrúpulos máis cando ten un conflito laboral co persoal das súas residencias. 

Señor presidente: non nos compras cun cheque-bar, e nas mobilizacións previstas para este xoves 25 de xuño, berraremos mais forte: 

NON, NON e NON, A ESMOLAS PARTIDISTAS!

POLA DEVOLUCIÓN DOS DEREITOS LABORAIS  ROUBADOS!

MAIS MEDIOS, MÁIS PERSOAL E MENOS PRECARIEDADE!

FEIJOO ESCOITA, ESTAMOS EN LOITA!!!