O TSXG ratificou a condena do xulgado do social de Lugo que condenou á Xunta a indemnizar a súa viúva, xa que o goberno galego recorrera a sentenza. Agora o TSXG considera acreditada a falta de dilixencia por non previr o risco adecuadamente.

O pasado sábado 27 de xuño fixo 5 anos da morte do noso compañeiro Enrique Casanova, que perdeu a vida defendendo ao patrimonio natural do país da lacra dos incendios forestais.

Esa lacra que o goberno do señor Feijóo parece que non quere combater e que ano tras ano arrasa o noso rural sen que o goberno do PP mude o seu modelo de xestión forestal baseado en especies de alta combustibilidade, que unido á nula prevención de riscos laborais no persoal de incendios, deixa clara a súa responsabilidade nas mortes producidas ao longo dos anos.

Pouco ou nada mudou desde aquel fatídico 27 de xuño do 2015 no que nos deixou Quique. Deixounos na soidade, na soidade á que a Xunta obriga a traballar aínda hoxe aos axentes ambientais. Deixounos realizando a gran labor de defender a nosa terra coa súa propia vida. Deixounos demostrando quen quere realmente o noso rural. O noso rural quéreo esa xente que loita coma Quique día a día pola defensa deste país e pola defensa do seu patrimonio natural. Pero á Xunta iso élles igual: para eles somos pouco máis ca números, números que poden traballar con deficiencias no sistema de comunicacións, sen protocolos de seguridade, con formación deficiente, e nin falar de segunda actividade ou de xubilación anticipada. O persoal de incendios somos simplemente números que se manexan dende os centros de coordinación.

Así que insistimos, nada lles importamos aos que gobernan as persoas que nos adicamos a combater eses incendios forestais. Demóstrao que estivesen sen convocar o Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Incendios máis de 2 anos e logo cun facer autoritario e neglixente desprezan medios como máscaras de calidade, bombas de osíxeno ou refuxios de auxilio. Hoxe falamos de Quique pero de seguir así seguiremos caendo e lamentándonos por outras, porque nada ou pouco cambiou en 5 anos.

Na sentenza demostrouse a actitude de deixadez da Xunta na morte de Quique Casanova e sinálase a necesidade de mellorar a seguridade de todos os que traballamos en incendios. Dous son os elementos chave polos que se condena á Xunta de Galiza pola falta de dilixencia nas medidas preventivas: o primeiro feito é o de non ter retirado a Quique da actividade directa de extinción polas súas condicións de saúde tras telo solicitado reiteradamente e despois de vixilancias de saúde con protocolos e avaliacións deficientes. O segundo elemento é o de manter o traballo en solitario na extinción de incendios forestais, feito que condicionou a evacuación e primeiros auxilios no caso de producirse un accidente ou como neste caso un infarto.

Quique aínda despois de deixarnos segue a defender aos seus compañeiros e ao noso patrimonio natural coma sempre fixera.

Grazas Quique