Os sindicatos presentamos comunicación de "preaviso" de folga do persoal técnico de incendios forestais ante a consellería e a autoridade laboral. A folga vai ser a partir do día 1 de agosto.

Este mércores, 8 de xullo, e ante o nulo avance das negociacións dun novo acordo que regule as condicións de traballo do persoal técnico de incendios forestais da consellería do Medio Rural, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, vimos de preavisar a convocatoria dunha folga legal coas seguintes características:

  1. A convocatoria de folga realízase logo do acordo da asamblea de traballadores e traballadoras e das organizacións CIG, CCOO, CSIF e UGT, sindicatos con representación na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos da Administración Autonómica de Galiza.

  2. A folga comezará dende as 0 horas do día 1 de agosto de 2020 e terá unha duración indefinida, afectando aos postos de traballo do persoal técnico de incendios forestais da consellería do medio rural (grupos A1 e A2 das escalas de enxeñeiros/as técnicos/as forestais e enxeñeiros/as de montes).

  3. O obxectivo da folga é que a Administración Autonómica regule as condicións de traballo nun novo acordo coas seguintes características:

    • Aumentar o cadro persoal para garantir os descansos legais establecidos sen afectar negativamente aos servizos públicos de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.

    • Redución do horario anual que supera as 2000 horas, moi por riba do límite legal máximo.

    • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, gardas e descansos compensatorios e garantir 15 días de vacacións no verán.

    • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais e a xestión do persoal adscrito aos distritos forestais.

    • Eliminar a dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito e establecer un/ha segundo/a xefe/a de garda por distrito forestal.

    • Segunda actividade e coeficiente redutor para a xubilación anticipada.

  4. A folga declárase por non teren chegado a resultado satisfactorio as negociacións previas coa Administración.