Con máis carga de traballo e o mesmo persoal, esta consellería segue comportándose con chulería coas máis de 3.700 persoas de Administración xeral que traballan nos centros de ensino negándose a negociar un protocolo que afecta as súas condicións de traballo

A principios desta semana tivemos constancia de que a Consellería de Educación elaborou un protocolo de adaptación ao contexto COVID19 nos centros de ensino non universitario de Galiza para o curso 2020/2021 que leva a Mesa Sectorial Docente e ao comité de seguridade e saúde laboral de Educación, ambas mesas sen representación directa do persoal non docente.

Para a CIG o protocolo non garante a saúde e seguridade nin do alumnado e as súas familias nin do persoal que traballa nos centros. Non está baseado nunha avaliación de riscos dos centros nin nas funcións do persoal e non se adapta a realidade dos centros educativos. Rebaixan a distancia de contaxio a 1 metro e consideran que é asumible, sinalan ata tres quendas de comedor sen prever ningún aumento do persoal en cociña ou limpeza.

Para colmo seguen a considerar os centros de ensino como de baixa exposición e polo tanto baixa probabilidade de contaxio, tomándonos o pelo a todos e todas. Preguntámonos por que os pecharon entón o 13 de marzo?

A consellería pretende unha volta a normalidade ficticia cun custe CERO. O protocolo resúmese en máis limpeza co mesmo persoal, aumento de quendas de comedor co mesmo persoal, separar mesas 1 metro e levar máscara no patio ou espazos comúns.

Xa que neste protocolo que pretenden impoñer se recollen medidas que afectan ao noso persoal obviando a negociación das condicións de traballo coa lexítima representación de máis de 1.300 funcionarios e de 2.300 laborais, esiximos por escrito tanto a esa consellería como a Función Pública que a convoquen Mesa Xeral de Empregados Públicos e que realicen as Avaliacións de riscos laborais.