• As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT denunciamos publicamente que a Consellería de Medio Rural está vulnerando o dereito fundamental na Folga indefinida do persoal técnico do servizo de prevención de incendios forestais da Xunta de Galiza.
  • A Consellería de Medio Rural ven de practicar o "esquirolismo patronal", ao entregarlle a dirección de obras a persoal alleo á Administración, entre outras prácticas que vulneran o dereito á liberdade sindical.

O persoal técnico forestal do SPIF, denuncia que a Consellería de Medio Rural carece de estratexia e de plan de traballo para as persoas encargadas de coordinar a loita contra os incendios forestais no noso País. O colectivo está en folga indefinida desde o 1 de agosto e denuncia irregularidades por parte da Consellería do Medio Rural na aplicación dos servizos mínimos legalmente establecidos.

O vixente acordo que regula as súas condicións de traballo, que data do ano 2008, está desfasado, entre outras razóns, polos cambios na Consellería, pola distribución de persoal e polas condicións de xestión do monte e bioclimáticas actuais e porque o número de técnicos actualmente é insuficiente para afrontar todos os retos que require o coidado e aproveitamento dos nosos montes. Por este motivo non está asegurada a capacidade de resposta do sistema e do cadro de persoal ante unha situación tan difícil como son os incendios forestais, o que deixa desprotexido o servizo publico. Este acordo foi denunciado polas catro organizacións sindicais o 30 de agosto de 2019, despois de tentar a súa modificación desde maio de 2018, xa que require actualizar diversos preceptos da normativa laboral, polo que é necesario acadar un NOVO ACORDO que dea como mínimo solución aos seguintes conflitos:

  • Aumento do cadro persoal que garanta un mellor servizo público de prevención e extinción de incendios forestais e de planificación e ordenación forestal.
  • Transformación do exceso de xornada anual (500 horas de dispoñibilidade), na contratación de mais técnicos por distrito.
  • Regulación do traballo en fins de semana, festivos, e período estival, mediante gardas e descansos compensatorios.
  • Distribución da carga de traballo e maior organización entre a xestión de montes, a prevención e loita contra incendios forestais.
  • Eliminación da dispoñibilidade absoluta dos xefes de distrito, establecendo un/ha segundo xefe/a de garda por distrito forestal.
  • Regulación da segunda actividade.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT, ante o nulo avance das negociacións dun novo acordo que recollese estas reivindicacións do persoal técnico de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, acordamos convocar unha folga indefinida desde o día 1 de agosto de 2020.

No desenvolvemento da folga e na aplicación da Orde de servizos mínimos, que inicialmente foron pactados, estanse a producir determinados incumprimentos e comportamentos ilícitos que resumimos nos seguintes puntos:

  • Externalización da dirección dos contratos de obra, substituíndo ao persoal técnico que está en folga por persoal alleo, practicando o que se denomina “ESQUIROLISMO PATRONAL”.
  • Imposición de cambio de cuadrantes e calendarios de traballo, o que supuxo que en determinados días e distritos se pasase, dos servizos mínimos pactados do 66%, a uns servizos mínimos do 100%. Ademais, a modificación dos cuadrantes e calendarios de traballo dos xefes de distrito, provocou que se incumpra, durante dous días cada semana e nos 19 distritos, a presenza en servizo mínimo dun xefe de garda nos centros de coordinación de distrito.
  • Modificación a través dunha instrución da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal do procedemento de entrega, recepción e seguimento dos lotes de madeira en xestión pública; encomendando determinados traballos que lle corresponde realizar ao persoal técnico dos distritos forestais que secunda a folga a outros colectivos, coa única finalidade de “rebentar ou minimizar os efectos da folga”, nun claro acto de vulneración da liberdade sindical.
  • Presións, coaccións e pseudo ameazas, para que se realicen os informes e executar distintas tramitacións non recollidas dentro da orde de servizos mínimos, que establece claramente que o traballo a realizar en período extraordinario serán só "para as tarefas de coordinación e de dirección de medios de extinción de incendios".
  • Envío de correos selectivos, o pasado venres 21 de agosto, e non a todo o persoal afectado pola folga, correos, baixo o pretexto de facer o seguimento da mesma, onde se daban instrucións de notificar no caso de deixar de secundar a folga (unha clara intromisión no libre exercicio do dereito de folga).

Pois así as cousas, as organizacións sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT e o Comité de Folga do persoal técnico forestal acordou formular a correspondente demanda xudicial, por vulneración grave do dereito fundamental do exercicio de folga, así como a posible prevaricación do Sr. Conselleiro e da Secretaria Xeral Técnica de Medio Rural, por externalizar a dirección de obras “a propósito” de que estaban facendo algo que a xurisprudencia recolle como “ESQUIROLISMO PATRONAL”.