A CIG reclama á Consellería de Política Social melloras de seguridade fronte a Covid nos centros de menores, como PCR, máis persoal e Avaliacións de riscos laborais actualizadas co regreso ás aulas e a previsión ante os gromos nas nosas vilas e cidades.

Denunciamos que non se están a facer probas PCR ao persoal nin sequera cando regresa de vacacións ou de baixas laborais, nin as cativas e cativos logo de permisos coas súas familias. Tamén demandamos medidas e garantías de seguridade cun planeamento que resolva as cuestións que xurdan no regreso as aulas (tanto por importar o virus como ante unha situación de confinamento ou corentena).

Así na CIG solicitamos reunión urxente coa Secretaría Xeral desta consellería para tratar as necesidades de persoal e medios coas organizacións sindicais ademais da convocatoria do comité de seguridade e saúde laboral.

Os centros de menores deben prestar o servizo coa máxima normalidade posible coa perspectiva que este problema non ten unha solución a curto prazo e que a educación e a atención dos menores é prioritaria. Porén, é unha irresponsabilidade da Xunta de Galiza que se faga sen seguridade fronte ao COVID e sen respectar as garantías laborais e de prevención de riscos do persoal. De non actuar con dilixencia solicitaremos amparo presentando denuncia na autoridade laboral.

Demandas da CIG:

  • A realización de probas PCR a todas as persoas traballadoras e usuarias periodicas e na reincorporacion dos permisos e vacacións.
  • Material preventivo axeitado e stock abondo (e máscaras de protección FPP2).
  • Actualizar a Avaliación de riscos laborais de cada centro ao risco biolóxico do covid ao momento actual de gromos e volta á escola.
  • Protocolo pola reincorporación das/os menores aos centros escolares.
  • Información e formación a todo o persoal.
  • Cubrir as quendas ata xornadas completas e cadro persoal adecuado para formar os chamados grupos burbulla ou unidades de convivencia.
  • Contratación de persoal suficiente para o reforzo das tarefas de limpeza, desinfección e lavandería.
  • Asegurar a protección das traballadoras e traballadores especialmente sensibles e embarazadas.