Novas por contido

Cando xa era venres, día 18 de setembro, ás 14:07 do día e por tanto a piques de rematar a xornada para moita xente, recibimos na CIG-Autonómica un correo electrónico no que se nos traladaban unhas novas instrucións sobre o teletraballo en relación ao COVID-19. 

O que recibimos era a instrución conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia e da Dirección Xeral da Función Pública, e que afectaba a este réxime de teletraballo que remataba precisamente o luns 21 de setembro. Por tanto, o primeiro que temos que dicir é que novamente actúan tarde e mal.

O segundo que temos que dicir é que no seu día a CIG asinou un acordo con Función Pública sobre esta e outras cuestións referidas ao COVID-19 e ao teletraballo, e que entre outras creaba unha comisión de seguimento que, novamente, se pasan polo forro, xa que a nova instrución foi decidida unilateralmente pola Administración sen informar nin negociar nada coa representación sindical dos traballadores e traballadoras.

O terceiro é que voltan a meter no saco de “circunstancias especiais” todas as necesidades que, ao xuizo das persoas responsabeis da Administración, se poidan dar (persoal sensible, contactos de positivos, confinados/as con sintomas, etc.). 

E cuarto, o teletraballo por motivos da pandemia non deber xirar en exclusiva sobre as circunstancias do traballador/a (cargas familiares con imposibilidade doutras alternativas), senón ter en conta a óptica do centro de traballo e ser quen de permitir permisos de teletraballo simplemente por reducir as ratios de presencialidade nas oficinas sen ter que demostrar conciliación, circunstancias especiais, nen gaitas...

Para rematar, non nos gusta que nos tomen o cabelo: o día anterior, xoves 17, falamos cunha persoa responsábel de Función Pública quen nos trasladou que o teletraballo polo COVID remataba porque xa pasara a situación excepcional.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Venres, 12 Abril 2024

Educación retira a axuda por discapacidade ao seu persoal funcionarizado

A Consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza. O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese...