Cando xa era venres, día 18 de setembro, ás 14:07 do día e por tanto a piques de rematar a xornada para moita xente, recibimos na CIG-Autonómica un correo electrónico no que se nos traladaban unhas novas instrucións sobre o teletraballo en relación ao COVID-19. 

O que recibimos era a instrución conxunta da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia e da Dirección Xeral da Función Pública, e que afectaba a este réxime de teletraballo que remataba precisamente o luns 21 de setembro. Por tanto, o primeiro que temos que dicir é que novamente actúan tarde e mal.

O segundo que temos que dicir é que no seu día a CIG asinou un acordo con Función Pública sobre esta e outras cuestións referidas ao COVID-19 e ao teletraballo, e que entre outras creaba unha comisión de seguimento que, novamente, se pasan polo forro, xa que a nova instrución foi decidida unilateralmente pola Administración sen informar nin negociar nada coa representación sindical dos traballadores e traballadoras.

O terceiro é que voltan a meter no saco de “circunstancias especiais” todas as necesidades que, ao xuizo das persoas responsabeis da Administración, se poidan dar (persoal sensible, contactos de positivos, confinados/as con sintomas, etc.). 

E cuarto, o teletraballo por motivos da pandemia non deber xirar en exclusiva sobre as circunstancias do traballador/a (cargas familiares con imposibilidade doutras alternativas), senón ter en conta a óptica do centro de traballo e ser quen de permitir permisos de teletraballo simplemente por reducir as ratios de presencialidade nas oficinas sen ter que demostrar conciliación, circunstancias especiais, nen gaitas...

Para rematar, non nos gusta que nos tomen o cabelo: o día anterior, xoves 17, falamos cunha persoa responsábel de Función Pública quen nos trasladou que o teletraballo polo COVID remataba porque xa pasara a situación excepcional.