A Consellería do Medio Rural ten unha previsión de cursos formativos de aquí a final de ano moi insuficiente e deixa fora a parte do persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais.

Ano tras ano vemos coma a Consellería convoca uns poucos cursos de formación dirixidos ao persoal do SPIF para ”cubrir o expediente”. Por iso vimos de presentar unha nova solicitude á Consellería do Medio Rural para que implante un verdadeiro Plan de formación plurianual.

Temos claro que a Consellería ten que formar axeitadamente ao persoal do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais, tal e coma se establece na distinta normativa, garantindo que cada traballador/a reciba unha formación teórica e práctica suficiente, e que esta vaia evolucionando acorde cos cambios nas funcións que se desempeñen ou se introduzan novas tecnoloxías ou cambios nos equipos de traballo. Por iso, a formación debería adaptarse á realidade cambiante dos lumes e á prestación de labores de apoio en continxencias no medio natural e rural.

A nosa proposta é establecer un Plan de formación plurianual (2021-2024), debidamente estruturado para manter a operatividade do servizo, formación que ten que ser realizada durante a xornada laboral e impartida por persoal propio da Administración. Esta debería ser a recollida no Real decreto 624/2013, de 17 de setembro, que establece os módulos formativos que debería ter todo o persoal englobado na categoría profesional de bombeiro/a forestal, e no Real Decreto 1031/2011, de 15 de xullo, onde se establecen as cualificacións profesionais que corresponden á Familia Profesional Seguridade e Medio Ambiente, tal e como levamos solicitando en varias ocasións incluso a través de varias PNL. A maiores, deben establecerse outros cursos específicos adaptados ao uso das novas tecnoloxías e á condución de vehículos todoterreo.

Para a CIG a formación é a clave para ter un SPIF estable, profesionalizado e versátil, cun persoal máis preparado para atender as continxencias no medio natural e rural, respondendo así ás demandas do persoal do SPIF e da cidadanía.