Comezan a chegar as primeiras resolucións das denuncias da CIG ante a Inspección de Traballo. A da Coruña require agora á Consellería de Emprego e Igualdade para que proporcione máscaras ao persoal das oficinas de emprego.

Neste requirimento despois de que a CIG presentase en xullo a denuncia, a Inspección de Traballo insta á Xunta a proporcionar máscaras a todo o persoal, incluído o administrativo, e ven sumarse a outras resolucións e requirimentos que van nesta liña como o das escolas infantís de Política Social. O interesante é que, desta vez a inspectora aclara perfectamente que, aínda de haber biombos e metro e medio de distancia entre os postos, a administración esta obrigada a proporcionar as máscaras. Un avance claro que elimina o custe da súa adquisición para as persoas traballadoras nas oficinas de emprego e garante a seguridade de todos coa obriga de quen ten que dotar en número e calidade adecuada e responsabiliza a empresa do uso correcto deste medio de protección colectivo fronte o coronavirus.

A Xunta viña facendo unha dotación desigual deste medio de protección empregando argumentos como “non é un EPI e polo tanto non estou obrigado a proporcionalo”. Se ben é certo que as máscaras cirúrxicas non son EPI, porque non protexen ao portador/a SI protexen ao resto das persoas traballadoras e usuarias polo tanto son unha medida preventiva colectiva.

Outras xefaturas afirman que “non se lles informou que tiñan que dalas”. Pois ben, non é escusa porque nos si que lles advertimos, informamos e incluso explicamos aquí o Real Decreto que dende xullo obriga a tódalas empresas a dotar de máscaras de protección ao seu persoal.

Seguindo coas escusas para non protexer, algunhas xefaturas incluso chegaron a afirmar que había metro e medio entre postos e polo tanto non eran necesarias telas colocadas no traballo... pero esquecéronse que no centro de traballo hai corredores, servizos, fotocopiadoras, salas de reunión, accesos… e de que non nos teletransportamos!!

É unha verdadeira mágoa que a Xunta siga a xogar coa saúde das persoas traballadoras e das usuarias dos edificios administrativos e que teñamos que facer denuncias masivas por todo o país á Inspección de Traballo, saturando este servizo con cuestións tan básicas coma a das máscaras, para que se recoñeza o noso dereito a un ambiente de traballo seguro. 

A Xunta de Galiza deixa o “SENTIDIÑO” para a súa propaganda institucional e se esquece do seu persoal empregado público.