Tras anuncio das limitacións feitas o venres 2 de outubro polo conselleiro de Sanidade na área de Ourense onde se establecen maiores restricións e se prohiben as reunións de persoas non convivintes en espazos públicos e privados, así como a posibilidade de que esta cidade sexa confinada, e tamén co aumento do número de concellos con restricións, a CIG considera un risco elevado a realización dos exames presenciais dos procesos selectivos previstos en Silleda para este fin de semana (3 e 4 de outubro) convocados pola Xunta de Galiza.

Deberíase valorar o efecto negativo que supón para a poboación o desprazamento das persoas ata as instalacións da Semana Verde de Silleda para realizar os exames compartindo accesos, salas, servizos, así como tamén a volta as súas localidades como posibles vectores de transmisión.

Estes exames se corresponden con procesos internos onde só concorren persoas empregadas públicas que na súa maioría se corresponden con persoal sanitario que traballa entre outros nas residencias de maiores e centros de día nas categorías de persoal médico, enfermeiro, auxiliar de enfermería, psicólogos, etc, que supón un risco engadido para un dos sectores máis vulnerábeis da poboación e para quen os coidan.

O mesmo día das declaracións do conselleiro de Sanidade, venres 2, solicitamos á Dirección Xeral de Función Pública a suspensión destas probas e tamén comunicamos á Sanidade é á Delegación do Goberno a situación ante os posibles riscos que una concentración destas características pode representar, á luz do que hoxe acabamos de coñecer a través das palabras do conselleiro de Sanidade.

Queremos que se garanta o dereito de participación en condicións de saúde aceptábeis e seguras e por iso pedimos que atendendo ao principio de precaución se suspendan estas probas.