Acudimos a primeira citación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na Inspección de Traballo e Seguridade Social após da denuncia da CIG.

Por parte da Consellería de Educación acudiron unha técnica da empresa Cualtis e a subdirectora xeral de recursos educativos complementarios. Así da consellería non asiste  ninguén de responsabilidade ante a Covid (Secretaría Xeral Técnica) nin sequera de Prevención de Riscos laborais, isto é mostra do desleixo que lle da á protección do seu persoal e do alumnado. Logo disto xa non sorprende que non aportara a documentación requirida.

Na xuntanza coa inspectora quedaron claras as seguintes cuestións:

1. Non hai Avaliacións de riscos laborais nos centros de educación por categorías e tarefas.
2. Non hai protocolo COVID para o persoal.
3. O que hai (para o funcionamento dos centros e a incorporación do alumnado) non foi tratado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral polo que non se cumpriu a obriga da Lei de Prevención (LPRL) de participar coa representación do persoal.
4. Polos tres puntos anteriores non hai medidas preventivas especificas nos centros.
5. Non hai máscaras de protección, nin EPI, nin formación, nin información, nin procedementos seguros para facer as tarefas (protocolos COVID).
6. Non hai informes de persoal sensible, e ademais envían as persoas vulnerables a inspección médica na vez do Servizo de Prevención de Riscos Laborais liando o procedemento legal e pondo en risco ó persoal.

Como puideron abrir as aulas se aínda están en cueiros??

Ante isto a inspectora require de novo a seguinte documentación antes do 19 de outubro, considera prazo suficiente para que se poñan as pilas e a consellería demostre que fixo algo:

1.-Documentación acreditativa da organización preventiva, indicando a entidade no seu caso que cubre cada unha das especialidades, co obxecto de determinar si se realiza a través de medios propios ou alleos.
2.-Exemplo de Avaliación de cada un dos tipos de centros adscritos á Consellería.
3.-Xustificación da formación impartida aos equipos COVID, así como a planificación da formación a impartir ó persoal non docente. 
4.-Xustificación da posta a disposición de cada centro das máscaras cirúrxicas e FFP2 e demais elementos de protección.
5.-Xustificación da suficiencia de persoal de cociña e limpeza dado o incremento de quendas de comedor e incremento das labores de desinfección a realizar nos centros.
6.-Unha listaxe de persoal vulnerable que solicitara a valoración do seu estado de saúde, indicando os pendentes de valoración, ou de adaptación do posto; xustificando os prazos de resolución que aínda se encontran pendentes.
7.-Prazo previsto para acordar coa representación do persoal os plans de continuidade.

En conclusión, a Consellería de Educación acude a unha citación sen levar a documentación requirida, pretende rirse da autoridade laboral e considerase por riba do ben e do mal. Mostra o que xa fai anos que as delegadas e delegados e o persoal sabemos: a súa completa ignorancia e prepotencia nun exercicio de autoritarismo e clasismo intolerable. Porén, en plena segunda onda de pandemia e pon en risco ao seu persoal e a toda a sociedade.