En recentes declaracións públicas o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, defendeu que os centros de ensino funcionan como "cortafuegos" contra o virus e minimizou a transmisión comunitaria. Ao tempo destacou tamén “o gran traballo que se está facendo”.

Efectivamente, dende a CIG consideramos que se está a facer un gran traballo, pero non precisamente por parte da consellería. Todo o contrario. Son os traballadores e traballadoras os que coa súa profesionalidade máis que demostrada están a manter o tipo pese a estar desbordados pola carga de traballo, a modificación de horarios e a costa da súa propia saúde.

Dende a CIG asistimos perplexos a semellante mostra de ignorancia e prepotencia. Semella que ao conselleiro non lle chegaron novas do tirón de orellas que levou onte a representante da consellería na Inspección de Traballo logo da denuncia presentada pola CIG e onde quedou de manifesto que:

1. Non hai Avaliacións de riscos laborais nos centros de educación por categorías e tarefas.
2. Non hai protocolo COVID para o persoal.
3. O que hai (para o funcionamento dos centros e a incorporación do alumnado) non foi tratado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral polo que non se cumpriu a obriga da Lei de Prevención (LPRL) de participar coa representación do persoal.
4. Polos tres puntos anteriores non hai medidas preventivas especificas nos centros.
5. Non hai máscaras de protección, nin EPI, nin formación, nin información, nin procedementos seguros para facer as tarefas (protocolos COVID).
6. Non hai informes de persoal sensible, e ademais envían as persoas vulnerables a inspección médica na vez do Servizo de Prevención de Riscos Laborais liando o procedemento legal e pondo en risco ó persoal.

Por si isto fora pouco, lembrámoslle ó conselleiro que a CIG-Autonómica interpuxo conflito colectivo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) contra a Xunta polo abuso e a explotación laboral que está a padecer o persoal limpador dos centros educativos. A Consellería de Educación impuxo novos horarios e triplicou a carga de traballo para atender as necesidades derivadas da COVID19 sen que se producise nin unha soa nova contratación.