Dilátase a entrega das máscaras a espera dunha posible compra xeral. 

A negativa de proporcionar máscaras e outro material de protección, fixo que tivéramos que acudir á Inspección de Traballo a denunciar aos responsables das consellerías e dos centros administrativos.

Hai xa mais dunha semana que recibimos a resolución da Inspección de Traballo pola falla de dotación de máscaras, e como novidade a inspectora diríxese ao responsable da Xunta para Covid requirindolle que proporcione máscaras a todo o persoal administrativo, polo que dende a CIG solicitamos no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral que de inmediato se estenda a dotacion deste material de protección.

O venres 9 de outubro, na xuntanza de presentación da nova consellería de Economía, Empresa e Innovacións, tras o noso requirimento para que non retrasasen máis a dotación de máscaras, o secretario xeral técnico afirmou que estaban a esperar unha compra xeral para toda a Xunta.

Sospeitabamos que podía ser outra artimaña dilatoria, pero posteriormente confirmamos, por outras fontes, que a Xunta si ía dotar de máscaras a todo o persoal, e iso que tamén soubemos que a Xunta recurrira a resolución da Inspección de Traballo.

Na Xunta, na vez de dar exemplo de compromiso ante a pandemia, tentan fuxir pateticamente da súa responsabilidade con escusas imbéciles xogando coas nosas vidas por aforrar catro cans. A ver si agora, co nomeamento da nova responsable COVID (subdirectora xeral de Coordinación e Servizos Transversais) poñen algo de sentidiño nesta pandemia, que xa son horas.

Aínda así na CIG voltamos instar a todalas consellerías para que doten urxentemente de medios de protección ao seu persoal (máscaras, xeles, desinfectantes, EPIS..), reavalíen os centros ao risco biolóxico do COVID (no especial, sistemas ventilación, accesos…) e amplíen medidas organizativas e teletraballo para evitar a masificación nos centros en plena segunda onda da pandemia.