Loita e resistencia do persoal da consellería de Política Social

Suspéndense as mobilizacións previstas para esta semana pola grave situación sanitaria que provocou a implantación de novas restricións do dereito de reunión en toda a Galiza.

A de mañá, 22 de outubro, sería a 17ª xornada de loita e reivindicación do persoal de Política Social e aínda seguimos sen noticias da conselleira de Política Social, Fabiola García. Esta conselleira continúa actuando como a peor patronal e fai oídos xordos ás reivindicacións do seu persoal.

En plena segunda onda da pandemia temos que seguir a reclamar medios materiais e de seguridade, máis persoal e información como a dos contaxios de compañeiros e usuarias ou incluso que a realización das probas PCR non se impoñan no día libre e a unha hora e media de desprazamento co custo a cargo do traballador/a.

O persoal que atendemos e coidamos as persoas nos centros residenciais non desfalecemos no empeño e seguimos a resistir con actitude combativa ante a ineptitude dos cargos da consellería. Non temos dúbida da calidade do servizo que aportamos grazas o noso esforzo e, a pesares do intento da Xunta de deterioralo, e esiximos o reforzo dos centros residenciais da consellería. A Xunta ten que negociar xa as condicións de traballo, tanto do persoal dos centros de atención da propia Consellería como do Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e CSIF, o vindeiro xoves 29 de outubro temos previstas xuntanzas cos grupos parlamentares co fin de impulsar a consecución dos seguintes obxectivos para o fortalecemento deste sistema público e da defensa do seu persoal.

• REFORZO DE MEDIOS MATERIAS,SEGURIDADE E PERSOAL ANTE A PANDEMIA
• A DEVOLUCIÓN DOS ARTIGOS DO CONVENIO RECORTADOS NO 2012
• A DEFENSA DUNS SERVIZOS SOCIAIS PÚBLICOS, DIGNOS E DE CALIDADE
• INCREMENTO DE PRAZAS PÚBLICAS DE XESTIÓN DIRECTA
• FIN DA PRECARIEDADE NO SECTOR PÚBLICO
• A TRANSFORMACIÓN DOS CONTRATOS PARCIAIS A XORNADA COMPLETA