O director xeral de Función Pública acepta darlle unha volta ás limitacións que se autoimpuxeron, e que impedirían teletraballar a determinados colectivos, que fixan un máximo de xornadas no 50%, que obrigan á presenza do 40% do persoal, ou o requisito de levar dous anos no posto de traballo.

Na xuntanza entre CIG e director de Función Pública, martes 3 de novembro, o primeiro que reclamamos ao director foi que ante a situación de alerta sanitaria, tiñan que potenciar sen máis dilación o teletraballo COVID e a necesidade de que o servizo de prevención adapte os protocolos ás novas evidencias científicas de propagación do virus mediante aerosois. 

Trasladámoslle que algunhas consellerías xa de motu propio extenderon o teletraballo con carácter xeral, e insistimos en que esto é unha medida básica para minguar os contactos entre o persoal e, por extensión, o risco de posibles contaxios.

Expusémoslle que non entendíamos as limitacións que se autoimpoñía a Administración. Ao noso ver, a decisión de conceder ou non o teletraballo debe estar en función de se esta modalidade de traballo cubre as necesidades do servizo público. Neste sentido non entendemos que se poñan limitacións a priori, como son:

  • A exclusión de determinados servizos.
  • Fixar un máximo do 50% da xornada mensual.
  • Esixir a presenza física do 40% do persoal.
  • Ou requirir unha antigüidade de dous anos no posto de traballo.

O director comprométese a darlle unha volta a esta petición da CIG. Recoñece que teñen a suficiente capacidade autoorganizativa como para valorar cada caso individualmente e, xa que logo, non é preciso poñer límites previos.

En canto ao horario de presenza obrigatoria en teletraballo (de 9 a 14.30), manteñen a súa intención, pero valoran facer matizacións. A ver co que nos veñen.

Defendemos que a representación do persoal ten que ter coñecemento das solicitudes de teletraballo concedidas e denegadas. E volven coa chantaxe habitual de permitir estar na “comisión de seguimento” só ás organizacións sindicais asinantes.

Este asunto vai ir a unha próxima Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos (xa convocada para o luns 9); en principio irá co borrador que xa temos, pero seguirán as negociacións de cara á Comisión de Persoal onde definitivamente se aprobará o texto.

En canto á situación polo Covid, o director limítase a dicir que:

  • Di que están con seguimento diario e contacto permanente con Sanidade, e non descarta ampliar o teletraballo Covid. 
  • Falarán co servizo de prevención polo tema das novas evidencias científicas da propagación do virus a través dos aerosois.