Dende o venres pasado en Galiza a cousa púxose fea en canto aos datos do COVID19 e así:

- Terrazas....NON
- Restaurantes ....NON
- Deporte.... SÓ INDIVIDUAL
- Cidades....CONFINADAS
- Reunións... SÓ CONVIVINTES.
- BUSES.....O QUE QUEIRA MONBÚS. (e os demais).

No DOG do día 4 menciónase expresamente que só os buses con reserva de praza son os que poderán vir ao 100%. Temos que recordar que as decenas de buses que reparten persoal da Xunta por toda Galiza non son servizos con reserva de praza, pois o persoal pode voltar a calquera hora en calquera bus e calquera horario. Xa antes disto advertimos aquí do risco que isto supoñía.

Hoxe, martes 10 de novembro, publica a Xunta a baixada de pantalóns na que "de todo o dito non quero saber nada" e todos os buses xa poden vir ao 100%, obviase a medida da separación de asentos e impleméntanse as grandes medidas (avaladas pola OMS e por todos os expertos virólogos) de NON COMER e NON FALAR nos buses para non contaxiarse.

Temos que lembrar que hai persoal que bota máis de 3 horas!!! ao día nos buses, cheos coma feiras de San Froilán, sen ventilación axeitada e onde o contaxio ten unhas posibilidades moi altas.

E para colmo agora parece que é máis importante rastrexar que evitar o contaxio, ou sexa en vez de diminuír o aforo dos buses, é mellor gardar o billetiño para saber onde estivemos sentados (ou sexa que o da reserva de asento xa se sabe que non) porque así nos rastrexan ben de alí a unha semana.

Hai uns días nun artigo que publicabamos referente ao teletraballo e ao día de reunión obrigatoria de todo o persoal, falábamos do "Día do contaxio"; agora co tema dos buses xa temos que falar do "Infectódromo diario legalizado".

No día de onte, luns 9 de novembro, varias compañeiras de varias liñas interpuxeron denuncias ante Sanidade e a Dirección Xeral de Mobilidade. E a Xunta moveuse rápido para legalizar a desfeita, pero o problema segue; esperamos que non haxa contaxios testemuñados nos buses do persoal, porque entón terase que acudir á fiscalía.

Dende a CIG non sabemos que opinará o Comité de expertos de Sanidade, o que si sabemos que o señor Conselleiro de Sanidade non vai para casa en bus...