A situación de alarma sanitaria provocada pola pandemia da COVID-19 durante o ano 2020 provocou que as persoas empregadas públicas se viran, como o resto da poboación, en situacións diversas: confinadas coas súas familias, traballando en servizos esenciais...etc polo que non puideron facer uso das súas vacacións e días de asuntos propios.

Así, determinado persoal empregado público que ten limitadas as súas vacacións no período estival por razón das súas funcións ou polas necesidades do servizo ve agora como as novas condicións de confinamento limitan a posibilidade de facer uso deles.

O feito de que as necesidades de servizo das distintas unidades e centros de traballo deban estar cubertas en todo momento, vai facer imposible en gran parte que o persoal poida desfrutar dos días de asuntos propios e vacacións pendentes no suposto de levantarse os confinamentos nos meses de decembro ou xaneiro.

Diante desta situación, a CIG vén de dirixir un escrito á dirección xeral de Función Pública no que solicita que os días de vacacións e asuntos propios non desfrutados por circunstancias derivadas da crise sanitaria da COVID-19 poidan atrasarse ata que a situación sanitaria o aconselle, de xeito que se permita a súa acumulación aos correspondentes ao 2021.