No DOG do 1 de decembro publícase o Decreto que regula a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e pode comprobarse que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais desaparece da estructura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que ata a data dependendía da Subdirección Xeral de Recursos Educativos Complementarios, que tamén desaparece.

Con esta modificación a prevención dos riscos do persoal desta Consellería pasa a ser unha simple función da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, quedando novamente claro que á Consellería de Educación non lle preocupa a saúde nin a protección do seu persoal.

Sorprende tamén que se tome esta decisión xusto cando A Inspección de Traballo confirma irregularidades na protección da saúde fronte ao Covid-19 nos centros educativos a raíz da denuncia presentada por parte da CIG.

Os Servizos de Prevención de Riscos na Administración da Xunta réxense polo estipulado no Decreto 204/1997 que na súa disposición adicional 1º indica expresamente que a Consellería de Educación, ten que crear e regular o seu propio servizo de riscos laborais. Ata o de agora este Servizo, que fan desaparecer, non funcionaba correctamente xa que non ó noso entender non estaba dotado de persoal suficiente.

A CIG solicita que se rectifique esta decisión e que, cumprindo co establecido no Decreto polo que se crea o Servizo de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ó servizo da Administración da Xunta de Galicia, se recupere o da Consellería de Educación e se dote dos medios humanos e materiais necesarios para realiza-las actividades preventivas e garantir a protección da seguridade e a saúde do seu persoal.