Levamos varias semanas en que o DXFP é o primeiro en levantarse de todas as xuntanzas e mesas ás que el mesmo nos convoca aos sindicatos. E faino tan de súpeto, que quedamos parvos, sen marxe de reacción e coa palabra na boca, sen poder facerlle preguntas ou trasladarlle queixas.

El, quen ata o de agora presumía de respostar a todas as cuestións que as organizacións sindicais lle solicitabamos nas xuntanzas, pese a que á CIG en infinidade de ocasións non nos dou contestación ás preguntas feitas, sorprendeunos agora a todos e todas coa súa nova faceta de “fuxido”. Moito nos tememos que na próxima reunión nos teña desactivado o micro ao resto dos participantes e que el apareza agochado debaixo da mesa ou detrás dunha porta.

Non sabemos se é que sabe algo que non quere soltar, se ten medos ocultos, ou se simplemente manifesta ter remordementos de conciencia pola súa nefasta xestión no cargo que lle impiden respostar ás cuestións.

O certo é que, por lei, os sindicatos, en exercicio do noso papel de representantes dos traballadores e traballadoras, temos dereito á información, e as partes estamos sometidas ao principio de boa fe negocial. Por esas razóns, ata o de agora o DXFP non tiña problemas en respostarnos ás cuestións que lle manifestabamos nas mesas de negociación (ainda que demasiadas veces facíao daquela maneira, facéndose o avión, contándonos unha película ou desculpándose cun “erro miño”).

Parece que as musas non bendeciron a este director cos dons da oratoria ou da locuacidade, polo que agora vaise limitar a contestar só ás preguntas que se lle fagan por escrito. É isto poñer pedras no camiño? Quere impedir o dereito dos empregados públicos a ter información veraz sobre os asuntos que lles afectan? Ou oculta algo?

Semella que o director ou nos quere máis burocratizados aos sindicatos ou, sendo mal pensados, a súa pretensión é non deixar pegada da súa inoperancia nas actas das mesas de negociación, adoptando a decisión salomónica de só respostar ás cuestións que previamente lle presentemos por escrito.