Que Función Pública tome nota!

Na anterior nova sobre o concurso de corpos xerais onde explicamos que está a pasar, falabamos das prazas de persoal funcionario ocupadas por persoal indefinido non fixo, e que Función Pública quería que a resolución do concurso coincidira coa dos procesos selectivos.

Como xa advertimos isto podería ir para largo e puxemos unha solución enriba da mesa que consistía en retirar eses postos do concurso.

Para que nos fagamos unha idea, e arredondando podemos dicir que no concurso ofertáronse 4.700 postos, 1.900 vacantes na primeira fase e 2.800 de resultas. Deses postos propoñemos que retiren 82, todos de nivel base, o groso deles son sobre 34 postos do A1 nivel 20 (33 deles en Servizos Centrais) e 38 do C2 nivel 12 en varias localidades.

Por suposto estes postos teñen que ir a un concurso posterior ao actual e simultáneo na resolución cos procesos selectivos, pero RETIRALOS agora parece o único xeito de impulsar o concurso. Pero para facelo queremos que Función Pública, consultando coa Asesoría Xurídica, determine se se poden retirar os postos sen ou con modificación das bases, porque o obxectivo é axilizar o concurso. De aí que propuxéramos que estudaran a retirada de postos e a redución de prazos.

 

Como son outros concursos dentro da Xunta (pero no ámbito do Ensino)?

Non hai máis que ver, dentro da mesma Administración, aínda que neste caso na administración educativa, como son os concursos dos corpos de persoal docente:

Teñen 2 concursos ao ano:

  • Un concurso xeral de traslados (CXT). Prazo de resolución aproximadamente 6 meses.
  • Un concurso de destinos provisionais (CADP) para o persoal que non entra no primeiro (funcionarios en prácticas, en expectativa e interinos). Prazo de resolución aproximadamente 2 meses.

Isto tanto para persoal de Primaria como de Secundaria.

O CADP de SECUNDARIA do curso 2020/2021:

Participantes: ao redor de 15.000 persoas.
Prazas adxudicadas: case 6.000 prazas.
Convocatoria: o 29 de xuño de 2020 e resolución o 18 de setembro. DOUS MESES E MEDIO.

Os prazos para reclamacións son de 5 días hábiles e as persoas que aprobaron a oposición teñen 2 días hábiles para escoller destino dende que se publica a lista de aprobados no proceso selectivo.

Como vemos, son procesos masivos pero áxiles. Son garantistas en canto a prazos para reclamacións (5 días hábiles parecen suficientes) e onde se reducen de xeito ostensible os prazos e os trámites que ten a propia administración. Por exemplo, dende o fin do prazo de solicitudes ata que sae a resolución provisional de destinos só pasa unha semana. O mesmo ocorre dende o fin do prazo de reclamacións e a resolución definitiva.

O CADP de PRIMARIA do curso 2020/2021:

Participantes: ao redor de 4.500 persoas.
Prazas adxudicadas: case 2.700 prazas.
Neste caso para que nos fagamos unha idea dos prazos: o 27 de xullo saía a resolución provisional, había 2 días hábiles para reclamar e a adxudicación definitiva foi o 31 de xullo. 4 DÍAS dende a adxudicación provisional á definitiva!

O CXT de SECUNDARIA do curso 2019/2020:

Adxudicados ao redor de 3.200 postos
Convocatoria 21/10/2019 e a resolución definitiva 30/03/2020,. Menos de 6 meses.

 

Concluíndo

Non existe ningún problema material nin formal para que non se poidan resolver concursos en prazos razoables. Dende a CIG xa temos formulado moitas veces os concursos cun formato aberto e permanente e reducir ao mínimo as comisións de servizos. Pero para este concurso de corpos xerais en marcha nos vale simplemente con que se axilice e se resolva XA e que se poñan a negociar os concursos de escalas, corpos especiais e persoal laboral.