En tan só 24 horas Feijoo “dá no clavo” e en dúas comparecencias demanda para outros o que non activa para o seu persoal. Na Xunta non aplica ningunha das medidas que predica: nin teletraballo xeneralizado, nin máscaras FFP2. 

Na Xunta sen teletraballo en moitos centros administrativos

Nin teletraballo total en servizos sen atención ao público, nin quendas nin grupos burbulla. Só algunhas unidades e consellerías están a aplicar o teletraballo da covid ante a ineptitude de Función Pública e do Consello da Xunta para activar o procedemento de autorización especial e obrigatorio do artigo 12 por razón da emerxencia sanitaria.

Así, por exemplo, a Consellería de Medio Rural ten teletraballo a quendas en servizos centrais pero en moitas xefaturas territoriais  mantén os funcionarios/as ateigados, sen medidas preventivas nin ventilación adecuada. Esto é un suma e sigue xa que depende do/a responsable do centro e non é unha instrución para toda a Xunta. Máis de 10.000 empregados públicos que xa poderiamos estar hoxe teletraballando a quendas e que estamos a trasladarnos, en moitos casos en transportes colectivos e traballando ateigados mentres o Presidente pide teletraballo nas empresas. 

A Xunta ao xulgado pola falla de máscaras de FFP2

A CIG está a desenvolver varias denuncias no xulgado contra os responsables do Consorcio de Igualdade e Benestar e de Política Social por negarse a proporcionar as máscaras de FFP2 ao persoal que traballa con persoas usuarias sen máscara e non pode manter a distancia.. Tras as denuncias da CIG na Inspección de Traballo, a autoridade laboral requiriu á Xunta  que proporcionara estas máscaras ao persoal para protexerse dos aerosois con máscaras bidireccionais. Os bebés de cero a tres anos non levan máscaras e o persoal ten que proporcionarlles os coidados e o apego que precisan; por outro lado, as persoas maiores nos momentos de aseo e comida, tampouco levan a máscara posta. Case un ano despois do comezo da pandemia o persoal de centros de día, residencias e escolas infantís segue sen máscaras de FFP2 recibindo incluso ameazas cando as mercan as traballadoras por “traelas da casa”. 

Cando a autoridade laboral, en repetidas ocasións, instou a Consorcio e Consellería a proporcionar as FFP2 ao persoal, sacaron da manga un informe do Comité Clínico no sentido de que non eran precisas e, polo tanto, non ían subministralas.

Agora o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo nunha comparecencia no Parlamento para dar conta das medidas promovidas fronte a terceira onda da Pandemia quere cinicamente desviar a súa  responsabilidade cara Madrid pedindo que as máscaras FFP2 sexan de uso obrigatorio.

En que momento cambiou de criterio o “Comité Clínico”?  Ou será que ese comité clínico emite os informes que lles preparan para xustificar non gastar un duro na protección dos cadros de persoal? Semella que se atreven a conculcar un dereito fundamental, como é o dereito á saúde, con tal de non acometer o investimento en protección das/os traballadora/es.

Para a CIG mostra unha vez máis unha actitude cínica e irresponsable, cando se nega a entregar máscaras ao seu persoal.