A nova regulación, publicada no DOG do 7 de xaneiro, entrou en vigor o 4 de febreiro. O documento final contou co voto favorable da CIG, e foi rexeitado por CCOO, CSIF e UGT.

Coa regulación do 2013, o teletraballo ordinario (non COVID) resultou ser un privilexio aplicable a unhas poucas escalas e postos concretos. A nova regulación resulta máis favorable. Inclusive todas as limitación que establece poden ser superadas se están suficientemente motivadas. Que se poida estender esta modalidade de traballo depende do esforzo que faga a Xunta pola dixitalización dos trámites e documentos.

A solicitude iniciase no Portax, dende a opción: “flexibilidade e teletraballo”. Pero a continuación, os trámites non son nada intuitivos, polo que xa nos diriximos a Función Pública para solicitar unha serie de correccións:

Percorrido estraño no Portax. A solicitude leva a pantallas mesturadas coas solicitudes de permisos e licenzas. Por claridade, deberían ser pantallas totalmente diferenciadas.

Lexislación amosada no Portax. A lexislación asociada está ben ao principio, pero posteriormente está a do 2013.

Plan individual e informe motivado no comezo da solicitude. É necesario poder meter estes documentos dende o inicio da solicitude, a fin de poder xustificar os casos que requiren motivación suficiente, como son: horarios diferentes de 9 a 14:30, presenza do cadro de persoal inferior ao 40%, peticións de xornadas superiores ao 50%, ou por tratarse de postos non susceptibles de seren desempeñados en réxime de teletraballo. A non presentación da motivación suficiente dende o comezo da solicitude pode dar lugar a denegacións que deberían ser concedidas.

Solicitude para persoas sen acceso a Portax. Debe habilitarse algún procedemento que permita a tramitación da solicitude de teletraballo ás persoas que non teñen Portax ou certificado dixital.

Evitar denegacións sistemáticas. Prevemos un arranque con moitas solicitudes (pola xente á que se lle denegou pola regulación anterior e agora volvan a solicitar). Convén ditar algún tipo de instrución que favoreza que non se denegue por sistema, e evitar que se atasque na falta de informes, na indisposición de certificado dixital ou na falta de medios técnicos.

Quen fai o plan individual de traballo? Non está claro quen fai o plan individual de traballo (si quen o autoriza), se a persoa supervisora ou a traballadora.

Formación. Demandamos formación pola EGAP en materia de: protección de datos, competencias dixitais e prevención de riscos laborais específica dos riscos asociados a esta modalidade laboral. E consideramos moi necesario formar ás persoas supervisoras en materias relacionadas co traballo por obxectivos, e todos os aspectos que favorezan a concesión desta nova modalidade de traballo.

Teletraballo COVID. A nova regulación do teletraballo xa contempla un réxime especial de autorización, polo que procede adaptalas. Deben indicalo na resolución, e aplicarse con criterios uniformes, que eviten situacións de bloqueo que puidemos ver en consellarías como Mar, Medio Rural ou Sanidade. Na CIG seguiremos a reclamar o teletraballo como a medida preventiva colectiva e organizativa mais efectiva tanto dentro dos centros de traballo como a nivel social (evítanse transportes e desprazamentos).

Se xa tes unha solicitude favorable de tetraballo ordinaria aprobada pola normativa do 2013, vas seguir con ela sempre que se cumpran solidariamente os requisitos da unidade.

Se a túa solicitude anterior foi denegada, agora podes volver a solicitala, xa que o novo marco regulador é máis favorable.

En Galiza somos dos primeiros en desenvolver a lexislación estatal contida no Real Decreto-Lei 28/2020 de traballo a distancia. Outras comunidades, como Madrid, tamén o teñen aprobado (https://i.gal/6JH6g). E curiosamente neste caso si contaron co voto favorable de CCOO, UGT e CSIF, sindicatos que en Galiza votaron en contra. Así que vai unha comparativa dos acordos coas cuestións máis esenciais:

  TELETRABALLO EN GALIZA
(apoiado por CIG)

TELETRABALLO EN MADRID
(apoiado por CCOO, UGT e CSIF)

Quen pode teletraballar?

Todos os postos, agás: rexistros, atención 24 h, persoal subalterno, centros de ensino, postos sen datos dixitalizados, aqueles que presten servizos fora dos edificios administrativos e aqueles que teñan unha prestación presencial necesaria.
Cláusula de ampliación: poderase autorizar a postos non susceptibles de teletraballar.

Todos os postos, agás: aqueles con datos non informatizados, aqueles con contacto directo co público (rexistros, información, centros de ensino); aqueles que polo seu volume ou circunstancias especiais non poidan desenvolverse fora das instalacións administrativas e aqueles que teñan unha prestación presencial necesaria. 
Máximo de xornadas

Un máximo do 50% das xornadas mensuais.
Claúsula de ampliación: poderase aprobar un aumento de xornadas a proposta do do titular do centro directivo.

Máximo de tres xornadas semanais. 
Cantidade de efectivos presenciais

Defínese unha porcentaxe de presencialiade mínima dun 40% da unidade. Esta porcentaxe non se terá en conta en centros pequenos.
Claúsula de ampliación: poderase reducir esta porcentaxe por parte do titular do centro directivo, sempre e cando se garanta o servizo público.

Non definida; ligada a prestación do servizo. 
Garantía da desconexión dixital

Fíxase un horario de referencia xeral de teletraballo de 9,00 a 14,30 en aras de poder asegurar a diferenciación entre xornada laboral e vida privada. Poderá ser diferente o horario de referencia a peticion segundo plan de traballo. Respéctanse compatibilidades e xornadas especiais.

Non se fixa xornada, derivase ao plan de traballo.  
Prelación na concesión de teletraballo

Defínese unha prelación entre: persoal que sufra violencia de xénero, embarazadas, persoal con discapacidade, tempo e distancia de desprazamento ao centro de traballo, maiores de 60 anos...

Non se fixa. 
Comisión de seguimento

Reunións trimestrais para estudar a ampliación do acordo, implementar melloras, e avaliar as cláusulas de ampliación.

Reunións non definidas.
Mantemento do teletraballo xa concedido

Mantéñense todas ás concesións previas ata a súa finalización. Si o reparto de xornadas semanais anterior é superior ao 50% mensual, pode proporse manter sistema previo.

Non se especifica.
Experiencia mínima no posto

Un ano.
Cláusula de salvagarda: se tes experiencia nas mesmas funcións, non se pedirá un tempo concreto.

Só nomea experiencia nas funcións do posto. 
Réxime especial

En determinadas circunstancias sanitarias, de emerxencia ou organizativas poderase decretar o teletraballo obrigatorio.

 O mesmo que en Galiza.
Vixencia e revisión do acordo

Tres anos, con prórrogas anuais. Denunciable polas partes no derradeiro trimestre de vixencia. Continúa en vigor durante a negociación dun novo acordo.

Non previsto. 

Os acordos de teletraballo xa aprobados, e os que están por vir (Valencia, Asturias, Cataluña), SON TODOS MOI SIMILARES. Na CIG non temos ataduras segundo en que comunidade esteamos. Negociamos e defendemos o que coidamos e mellor para os traballadores e traballadoras.