Novas por contido

Función Pública atende parte das demandas da CIG e anuncia un serie de actuacións entre as que prioriza a RPT e unha nova OEP para o 2021

Nesta comisión de seguimento dende a CIG tratamos de dar pulo a aquelas cuestións que continúan pendentes de execución de varias cláusulas do Acordo de integración do Consorcio (listas de contratación, modificación do decreto de integración 129/2012, integración do persoal laboral fixo e temporal do Consorcio, concurso de traslados, RPT e oferta de emprego).

Así tratamos os seguintes puntos dos que solicitamos un cronograma:

1. Rematar a negociación e aprobación da RPT Consorcio: A RPT está paralizada inexplicablemente dende xuño de 2019, polo que xa temos esixido que se retome a negociación con carácter inmediato. O DXFP convoca para o luns 15 de febreiro unha mesa de traballo para sacala adiante paralelamente á OEP 2021 coa intención de aprobala en marzo. Para nós, como mínimo é necesario resolver as seguintes cuestións:

Vacantes e non vacantes identificadas (identificar os postos ocupados por indefinidas non fixas por resolución administrativa, por sentenza xudicial e por modificación contractual, persoal laboral fixo dos concellos subrogado e persoal laboral fixo do consorcio).

Resolver os conflitos de titulacións académicas, itinerancias, persoas que están fóra da súa praza por contrato, forma de provisión...etc.

2. OEP 2021: Función Pública anuncia o inicio da negociación coa intención de tela rematada en marzo cunha oferta complementaria de 273 prazas que quedaron pendentes da anterior oferta de emprego. Así ás 1.274 prazas do Consorcio que saen na OEP de 2020 habería que sumar 273 prazas á OEP de 2021 facendo un total de 1.547 entre ambas OEPs, polo que nos iriamos a practicamente o 100 % das prazas do Consorcio. Nós solicitamos que se sume un 10% máis da taxa de reposición.

Para isto é imprescindible ter coñecemento exacto e desagregado dos datos de temporalidade por grupos e categorías, é dicir ter a RPT completa. Como CIG reiteramos que o persoal indefinido non fixo por resolución administrativa ten que estar equiparado ao persoal indefinido non fixo por sentenza xudicial, de xeito que na OEP 2021 figure recollido no anexo de consolidación.

A CIG para a mesa de traballo tamén esixiu buscar solución aos problemas existentes de titulacións académicas en varias categorías. Así, solicitamos o informe da Consellería de Educación (comprometido no 2019) sobre a posible homologación de titulacións. Nese senso, no referente as titulacións de educadores/as e mestres/as de Educación Infantil, Función Pública valora como posible solución a creación na escala de dúas especialidades con funcións e titulacións distintas. Porén hai outros conflitos a tratar como poden ser as auxiliares xeriátricas e nas oficinas de I+B que non se ven recoñecidas nas escalas recollidas na LEPG.

3. Concurso de traslados do persoal fixo do Consorcio: Demandamos que se atenda o dereito do persoal laboral fixo do Consorcio a ter un concurso de traslados polo que pedimos que se negocie canto antes. Para evitar que o movemento do persoal produza despedimentos propoñemos que a toma de posesión do persoal do concurso sexa simultánea coa toma de posesión do persoal que superou o proceso selectivo. Así tampouco habería que esperar a que rematen os procesos selectivos e tardar un ano entre que se convoca o concurso e se resolve, xa que a resolución sería ao mesmo tempo. Función Pública di que o valorará.

4. Procesos selectivos: O sistema será de concurso-oposición. Dende a CIG defendemos que os procesos sexan asequibles e áxiles (cunha soa proba), con temarios reducidos elaborados pola EGAP, coa puntuación máxima na fase de concurso (40%), e cuns criterios homoxéneos co resto de procesos de estabilización e consolidación no emprego na Xunta.

Función Pública avanza que o que non vai facer vai ser duplicar procesos, polo que non van convocar procesos selectivos de categorías e escalas que estean convocadas xa nestes momentos. A intención é convocar conxuntamente prazas das OEP de 2020 e 2021. 

Outras cuestións:

• Listas de agarda: O DXFP di que están traballando tecnicamente con AMTEGA para a integración completa das escalas e categorías do Consorcio co fin de unificar as listaxes de laborais e de funcionarios de cara a poder facer os futuros chamamentos como de persoal funcionario. Comentou que isto pode levar algúns meses. Non estamos conformes co retraso e queremos que as listas se integren para rematar coa opacidade das listas do Consorcio. Recordámoslle que segundo o Acordo de integración a puntuación do tempo traballado no Consorcio é a mesma que na Xunta. Adianta que é moito o persoal afectado pola reorganización de listas e puntuacións, o que vai facer necesario establecer un prazo de alegacións.

• Equiparación salarial: con todas estas previsións para a CIG non ten sentido agardar até 2022 e solicitamos a equiparación salarial total xa.

Para finalizar o Director Xeral de Función Publica soltou un “regaliño”: unha ameaza velada de que hai postos de PSX que poderían sobrar logo de que a CIG gañase o conflito colectivo no que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou que “os PSX teñen dereito a que só se lles encomenden funcións de limpeza, unicamente con carácter puntual, atendendo as necesidades cando sexa necesario para manter a continuidade do servizo, e sempre fóra do horario no que o centro ou unidade dispoña de servizo específico de limpeza.”, que non deixa de ser o que xa dispón o punto cuarto do acordo de creación das categorías de PSX e Xerocultor/a asinado por Función Pública e CIG, CCOO e UGT en febreiro de 2016.

Convídanos ás OOSS a que aportemos solucións: un exercicio patronal do máis retorcido. Na CIG témolo claro: que creen as prazas necesarias de limpeza e se deixen de escusas, que nos centros hai traballo abondo!

Esta é a primeira reunión da comisión de seguimento dende marzo de 2020 e parece que a solicitude da CIG fai que algo movan. Esperamos que no proceso de negociación atendan ás nosas esixencias e que non quede todo en boas palabras e que logo non se chegue a plasmar en nada. Quedan tamén algúns asuntos sen resolver.

Nós aproveitaremos o proceso de negociación da RPT para ir avanzando cousas e tendo respostas ás nosas demandas. E se non hai mostras de negociación real obraremos en consecuencia.