A CIG solicita a cobertura urxente de vacantes do servizo  de gardacostas para que se poda realizar a vixilancia contra o furtivismo, a loita contra a contaminacion mariña e o salvamento pesqueiro.

As preto de 150 persoas empregadas públicas do servizo de gardacostas encárganse da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño e da importantísima loita contra o furtivismo. A falla de persoal pola non cobertura das vacantes, das baixas, vacacións e descansos fai que haxa unidades operativas do servizo nas que resulta imposible cubrir ás 24 horas. Por exemplo, a falla dun patrón ou mecánico fai inviable o uso de embarcacións anulando este recurso en toda a unidade. Así, o panorama a curto ou medio prazo de non dar cobertura a preto de 40 vacantes nas escalas, ás xubilacións e ás substitucións dos permisos e vacacións do persoal é intolerable.

O servizo de gardacostas: un servizo público esencial para Galiza

Seica a consellería xustifica a lentitude para cubrir as vacantes xeradas pola toma de posesión do último proceso selectivo nunha posible “reestructuración do servizo”. Isto xa o temos escoitado outras veces. Lembrámoslle aos responsables da consellería que reestruturación non é sinónimo de desmantelamento, polo que xa adiantamos que na CIG opoñerémonos a calquera reestructuración que supoña a eliminación de unidades operativas ou servizos. Apostamos pola descentralización como garantía de efectividade, diminuíndo os tempos de reacción no salvamento. O control das nosas costas fronte o furtivismo require a presenza e o coñecemento do territorio. O mantemento completo de todas as unidades ás 24h e os 365 días é fundamental para o desenvolvemento dos recursos pesqueiros e acuícolas da Galiza.

Dende a CIG reclamamos a cobertura urxente das vacantes con persoal das listas e a oferta da totalidade na OEP de 2021, cunha convocatoria de proceso selectivo que sume estas ás da oferta de emprego de 2018 pendente de execución. Ademais aínda quedan cuestións das escalas de gardacostas sen resolver: cumpre que a Xunta inste dunha vez ao recoñecemento dos coeficientes redutores do réxime especial do mar que lles permita xubilarse anticipadamente.