A CIG está a recoller sinaturas para unha Iniciativa non de lei que obrigue ao Parlamento de Galiza a debater sobre a creación dun sistema público de atención ás persoas.

A crise sanitaria derivada da pandemia do COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.

Dende a CIG levamos anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis. 

Outra forma de destruír servizos é precarizar as condicións laborais dos empregados públicos, reducindo os cadros de persoal, racaneaando na dotacion de medios materiais e, desvirtuando as categorias e as funcións, e desvalorizando o traballo co fin de  tentar igualar o público co privado.

Non os imos deixar, na CIG témolo claro, na CIG defendemos o público como garante da calidade asistencial. 

Nestes días no maco desta campaña e a través dunha iniciativa non de lei, estamos a recoller sinaturas nos centros para que no Parlamento de Galiza se promova a creación dun Sistema público galego de servizos de atención as persoas. 

Participa e solicita as delegadas e delegados da CIG a folla de sinaturas!!