Novas por contido

A última hora e ás agachadas a Xunta introduciu o “complemento da vergoña” no texto da orde de integración como persoal laboral da Xunta de Galiza do persoal laboral fixo procedente do extinto CIXTEC.

A CIG foi o único sindicato que na comisión de persoal do 03/03/2021 votou en contra desta orde de integración por non atender as nosas alegacións e, sobre todo, porque nesa orde materializouse por escrito o “mamoneo” en forma de complemento persoal de mantemento das retribucións en concepto de antigüidade que se inventou a Xunta de Galiza na disposición adicional primeira da Lei 4/2021 de medidas fiscais e administrativas para blindar as retribucións superiores dos amiguetes das entidades extinguidas. 

A orde de integración do CIXTEC é a primeira na que se introduce o novo complemento retributivo dende a súa entrada en vigor no pasado mes de xaneiro. Un complemento que vai supor que mentres as retribucións da maioría do persoal da Xunta van, por dicilo coloquialmente, polo libro, haberá outros privilexiados e privilexiadas que van manter unhas retribucións moi superiores ás do resto do persoal.

Mais non neste caso concreto do CIXTEC, onde as retribucións do seu persoal en concepto de antigüidade, ata onde nos consta, xa son as mesmas que as do resto de traballadoras e traballadores da Xunta.

Se o complemento da vergoña non vai ter aplicación práctica no CIXTEC, entón a que vén metelo ás agachadas no texto do acordo? Con que intención se fai?

Dende a CIG denunciamos que a instauración desta dobre escala salarial supón a derrogación oficiosa de parte do decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable a persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción. Decreto que tamén foi aprobado no seu día co voto en contra da CIG.

Concretamente deixa en papel mollado, entre outros, os apartados seguintes:

Artigo 12.2:
“O réxime retributivo do persoal que resulte integrado axustarase ao presente decreto e á normativa aplicable ao persoal laboral da Xunta de Galicia.”

Disposición adicional terceira:
“A Administración xeral ou os órganos de goberno competentes das entidades do sector público autonómico iniciarán os procedementos establecidos na lexislación laboral para, logo de consulta cos representantes legais dos traballadores, modificar as condicións de traballo ou retributivas coa finalidade da súa homologación ás aplicables ao persoal laboral da Xunta de Galicia, naqueles supostos en que a aplicación das medidas contidas neste decreto para os supostos de extinción ou adaptación de entidades determinen que finalmente a Administración xeral ou as entidades do sector público autonómico se subroguen de acordo co establecido no Estatuto dos traballadores para a sucesión de empresa en condicións diferentes ou retribucións superiores das comúns para o persoal laboral da Xunta de Galicia.”

Para a CIG non existe xustificación algunha para a implantación do complemento da vergoña na administración. Nos tempos que corren de recorte de dereitos esta maniobra é un exemplo de nepotismo elevado á máxima potencia

A administración iniciou o camiño dun novo agravio en forma de dobre escala salarial que transformará a uns/unhas en empregados/as públicos/as de primeira e, a outros/as, de segunda. Os amiguetes dos entes pendentes de integración (EPOSH, AGADER...) que poidan ser "beneficiarias/os" do complemento da vergoña xa frotan as mans.

A aldraxe continúa...

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 25 Abril 2024

Procesos selectivos, concursos de traslados, estabilización, funcionarización, OEP 2024 (25/04/2024)

Na Mesa Xeral de Empregados Públicos e na Comisión de Persoal do 25 de abril foi aprobada co voto en contra da CIG, a abstención da CSIF e o voto a favor de CCOO e UGT a modificación da relación de postos de traballo, consistente na funcionarización de 207 postos de persoal laboral da Xunta de Galiza no grupo B e nos subgrupos C1 e C2. 169 deses postos serán incorporados ao...