A CIG quéixase no Consorcio polo emprego de comentarios de whatsapp para a xestión da vacinacion e a reorganizacion das citas do persoal

Dende a CIG coidamos que o sistema de comunicación da Xerencia Adxunta da rede de escolas infantís “A Galiña Azul” ten coas direccións é surrealista de todo. Nel, e por medio de audios e textos transmitidos por whatsapp, dita instrucións e suxestións nas que abondan as apreciacións e opinións persoais.

Non é a primeira vez, e agora repítese coas vacinacións. Así hai situacións que rozan o absurdo: audios da xerenta valorando os efectos secundarios da vacinacion, incluso cuestionándoos e dubidando das traballadoras se non van a traballar. Chega a dar a entender que se alguén presenta síntomas ou se atopa mal (incluso febrícula ou outros compatibles coa Covid19 e outras infeccións) ten que ir traballar. Pon como exemplo que o persoal sanitario foi traballar igual (por certo con outra vacina).

Ao longo dos audios sementa todo tipo de valoracións sobre as citacións das vacinas, por se coincide todo o persoal da escola ou as parellas educativas, polo que se terían que pechar aulas. Indica ás direccións dos centros que comuniquen ao cadro de persoal que non vaian vacinarse se citan a moitas traballadoras; que xa se encarga ela de reprogramar a vacina con Sanidade.

Dende a CIG insistimos que a comunicación do cambio ten que ser feita por un medio oficial ás traballadoras para que o Sergas non as deixe fóra por non asisitir a súa citacion por SMS.

En definitiva, tería a ben a xerenta adxunta das escolas infantís comunicarse coas traballadoras públicas a través dun sistema formal e non a través de audios de whatsapp? A alguén se lle ocorre que unha dirección poida negar o dereito a asistir a unha citacion do Sergas a unha traballadora por uns comentarios nun audio dun grupo de whatsapp?

Somos conscientes de que o servizo ten que cubrirse e que se fixo mal a xestión previa das listaxes enviadas dende o Consorcio ao Sergas, porque sempre van tarde, mal e arrastras. Non admintimos que se faga arriscando a saúde das traballadoras nin de toda a comunidade educativa!!

Suspendida dende o luns a vacinacion pola prohibición das vacinas de AstraZeneca, esperamos que cando se reactiven o fagan ben, agora que xa teñen “a experiencia”. Serán quen de facelo?