O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza obriga a incluír ao persoal funcionario interino e laboral temporal da Xunta de Galiza no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional.

O Acordo de concertación asinado entre a Xunta CCOO e UGT e o seu desenvolvemento co Acordo entre a Xunta de Galiza e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional, excluía ao persoal funcionario interino e laboral temporal do dereito a solicitar e integrarse no sistema de carreira profesional, e por tanto de cobrar a mesma. O determinante para acceder, segundo a sentenza, non é si o posto se desempeña con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal.

Esta foi unha das razóns polas que a CIG non asinamos este acordo, ademais de condicionar ao persoal laboral fixo coa obriga da funcionarización para acceder ao sistema extraordinario, chantaxe pola que tamén interpuxemos outra demanda ante o TSXG, e da que estamos pendentes do xuízo.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estimou a nosa demanda nunha sentenza demoledora. Con este novo golpe xudicial á Xunta, demostramos que non valen as chantaxes e que non se poden excluír ao persoal laboral temporal e funcionario interino o dereito a carreira.

Tamén no caso do Consorcio temos xa a primeira sentenza gañada recoñecendo o dereito ao persoal fixo a acceder ao sistema extraordinario de carreira profesional, algo que con esta nova sentenza do TSXG cobra máis forza.

Dos fundamentos de dereito se desprende que a aplicación do sistema extraordinario ten que abranguer con carácter universal a todo o persoal, independentemente do seu vínculo xurídico, sempre que cumpra os requisitos de ter cinco anos de antigüidade e os fixados no artigo 2 do acordo, sen que caiba discriminar por razón da existencia dun vínculo temporal ou permanente coa administración.

A sentenza non declara a nulidade da Orde, polo que todo o persoal que xa accedeu ao sistema extraordinario conserva os seus dereitos e seguirá cobrando a carreira profesional, pero si anula “... por contraria ao ordenamento xurídico, a mencionada Orde, na medida en que se exclúe ao persoal laboral temporal e aos funcionarios interinos…”, e por tanto obriga a incluír a este persoal no seu ámbito subxectivo.

Parece inconcibible que CCOO e UGT sacrificaran a este persoal nun acordo discriminatorio.

Dende a CIG esiximos á Xunta de Galiza que se sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito subxectivo do sistema extraordinario e que se recoñeza o dereito deste persoal con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro de 2019.

De paso que isto serva de acicate para sacar a CCOO, UGT e á Xunta do limbo da inacción e se poña en marcha xa o sistema anticipado para o acceso ao grao II para todo o persoal, incluíndo as persoas dos subgrupos A1 e A2.

E tamén lle esiximos que non recorra a sentenza no Tribunal Supremo, tendo en conta xa a clara xurisprudencia ao respecto, exposta nos propios fundamentos da sentenza, e que non trate de prolongar a denegación dun dereito ao persoal que eles, CCOO e UGT excluíron.

Os nosos servizos xurídicos están a estudar as posibilidades para que se faga efectiva esta sentenza, xa sexa mediante negociación ou mediante accións individuais. Nos vindeiros días seguiremos informando.