O mércores 24/03/2021 foi aprobada na Comisión de Persoal unha modificacion da RPT de Amtega co voto en contra dos catro sindicatos máis representantivos (CIG, CCOO, CSIF e UGT).

A modificación é froito da adaptación da RPT á integración do persoal do antigo CIXTEC. Nesta proposta veñen os postos de estrutura. Afirman que a modificación polo resto do persoal virá a finais de marzo ou primeiros de abril.

A primeira xuntanza fora o día 24 de febreiro co xerente de Amtega. Déronos prazo para presentar alegacións, que entregamos o 1 de marzo. Tivemos unha xuntanza co director de Función Pública o día 17 de marzo, pasou pola Mesa Sectorial de Negociación ao día seguinte, 18 de marzo, e finalmente Comisión de Persoal o 24.

En total, foron catro xuntanzas, tres borradores e un escrito de alegacións que non serviron para nada. Unha total perda de tempo, pois dende o primeiro ao último día, non moveron unha letra.

A grandes liñas: adaptan os postos de estrutura do CIXTEC a AMTEGA, crean/modifican postos de nivel 28 e superiores, todos libre designación ou persoal directivo, a inmensa maioría abertos a outras administracións. 

Rexeitamos a figura do persoal directivo, rexeitamos a cobertura sistemática dos niveis 28 mediante libre designación, rexeitamos á apertura a outras administracións de todos os postos altos. Lembramos que as anteriores xefaturas de departamento do CIXTEC eran de concurso específico, e nesta modificación pasan a ser de libre designación.

Defendemos unha administración profesional, con menos libre designación, con apertura a outras administracións cando haxa reciprocidade e repartidos entre niveis altos e baixos, a cubrir mediante concurso (que non faga falla ter amigos ou ser do partido para vir doutra administración).