Os grupos estarán formados a dedo, sen transparencia na súa composición e nos pagamentos. Así van funcionar os grupos de traballo para a xestión dos fondos de recuperación e resiliencia (FRR), aprobado pola Xunta co apoio de CCOO e UGT, e a oposición de CIG e CSIF, resultado da votación na Comisión de Persoal do 26/03/2021.

O goberno galego vai poñer en marcha uns “grupos de traballo” para a xestión dos FRR e outros fondos europeos. Isto ven derivado da nova Lei de simplificación e reactivación administrativa do PP que pasou polo Parlamento sen negociar, modificando varios artigos da Lei de emprego público ao que nos opuxemos frontalmente, pola mobilidade obrigatoria e pola discrecionalidade, entre outras razóns. Con esta proposta recúan un pouco xa que os grupos estarán formados por persoas voluntarias.

Discrecionalidade e falta de transparencia

A dirección deses grupos vai estar encomendada a quen libremente decida o Goberno galego (en principio, serán subdirectores/as xerais, pero tamén podería ser persoal directivo non empregado público).

Os grupos estarán formados por quen decida a persoa que dirixa cada grupo (tan só ten que motivar a súa decisión). Non van a rendir contas.

Haberá diñeiro de por medio. Nuns casos será mediante produtividade. Noutros serán gratificacións extraordinarias. Non facilitarán información.

Algo que non quedou claro, nin do texto do documento nin da breve explicación que nos deron, foi se formar parte dun grupo de traballo vai implicar un incremento da xornada de traballo. Se non hai incremento, quen forme parte dun grupo vai a deixar de realizar o seu traballo habitual sobrecargando aos demáis?

En resumo:

  • Grupos de traballo conformados con total arbitrariedade.
  • Non contemplan informar a representación do persoal de quen forma parte de cada grupo.
  • Non van dar conta do diñeiro adxudicado en concepto de produtividade ou de gratificación extraordinaria.
  • Quedan cousas sen clarificar, e non dan resposta.

Comisión de seguimento

Unha das preocupacións de CCOO e UGT foi reclamar que se constitua unha “comisión de seguimento”, que non constaba nos borradores iniciais. Como non, conseguírono: haberá unha comisión de seguimento formada polos sindicatos asinantes. 

Que gañan? Recibirán información sobre os “perfís” dos participantes e dos "criterios" de elección e incentivos económicos, puidendo “emitir” recomendacións.

O que conseguiron é, simplemente, que van a poder opinar sobre como deberían ser os grupos e os pagos. Pero nin van a decidir nin van a ter a información con nome e apelidos de quen forma os grupos, e moito menos dos pagos individualizados.

CCOO e UGT entran así no xogo do goberno: chantaxear aos sindicatos mediante a exclusión da información a quen non trague. Premio á transparencia!

Os pagos polo traballo

Os pagos poden ser en concepto de produtividade ou como gratificación extraordinaria,  sendo os importes en función do grupo. Das gratificacións extraordinarias nen sequera contan co persoal subalterno. Pero seguro que van ter que asumir algún traballo.

Lembras o que pasou cando o Prestige: os compañeiros e compañeiras que se metéronse no medio do chapapote, foron gratificados/as. Pero o gran pedazo da pasta levouna a xente que non pisou as praias. Quen vai facer aquí o traballo? E quen vai levar o gordo?

Todo será escuro, non haberá datos de quen traballa e canto pagan polo traballo. Tan só comunicarán (aos sindicatos amigos), os criterios dos incentivos económicos.

A última hora, máis discreción e ocultamento

A negociación foi breve, sen tempo a discutilo, nin a distribuilo e recibir achegas do persoal. Inicialmente non moveron unha soa letra, sen opcións reais de tempo para falar e alegar. Finalmente, o día antes da votación en Comisión de Persoal (venres 26), enviaron un novo borrador que ainda empeoraba o anterior:

  • O tempo máximo das comisións de servizo pasa de un a dous anos (entendemos que en contra do disposto no artigo 100 da LEPG).

  • Foi nese último borrador onde crean a comisión de seguimento formada polos asinantes.

  • Posibilidade de que os grupos de traballo estean dirixidos por persoal directivo non empregado público.

  • Da última redacción de quen pode formar parte dos grupos, dubidamos se pode entrar ou non o persoal eventual (persoal dos gabinetes de prensa e asesores de conselleiros/as e delegados/as territoriais). Non dan resposta ás dúbidas da CIG. Tampouco o negan.

Compredemos a necesidade de axilizar e preparar eses grupos de traballo para xestionar os fondos que supostamente van chegar. Pero cando o diñeiro europeo nin sequera entrou no Estado e por tanto ainda menos nas comunidades autónomas, unha semana máis de discusión ben puideron agardar, e chegarmos a algo máis discutido e consensuado.

Hai unha clara decisión política, e teñen capacidade para facelo, de que este diñeiro europeo vaia ser xestionado polas persoas que decidan, dirixidos por quen lles conveña e pagando sen dar contas. E CCOO e UGT votan a favor porque van coñecer os “criterios”.