Novas por contido

Na mesa xeral do 20/04/2021 preguntamos por enésima vez polas datas dos exames dos procesos selectivos e da previsión da publicación dos non convocados.

O director xeral de Función Pública dá información xenérica, de que continuarán con normalidade os procesos que xa teñen preparados (sic), sempre e cando teñan autorización de Sanidade, mantendo o compromiso de que informarán con tempo abondo. Fai algunha referencia ambigua a que “probablemente antes do verán se os contaxios son aceptables”. Ollo, que “antes do verán” quere dicir que pode haber exames en xullo (para el, o verán é só agosto, que é o mes das súas vacacións).

Toda a promoción interna de corpos xerais está parada. Hai ruxe-ruxe nalgunha academia de que xa estarían postas as datas de exame para maio, pero o director de Función Pública non se molla. Entendemos que esa probabilidade de antes do verán sería de aplicación a estes procesos.

En acceso libre de corpos xerais, xa se realizaron os primeiros exames de A1 e A2. Está pendente C1, C2 e AP. Tampouco fixo referencias expresas a estes procesos, pero ao noso xuizo, estes tamén serían dos “probablemente antes do verán”.

Os primeiros exames de incendios (SPIF), quedarían, segundo o DXFP para novembro.

Non informa nada dos procesos das restantes categorías e escalas (“hoxe non toca”, espetounos vacilón).

En canto aos procesos ainda non convocados, nun primeiro momento irían finanzas e algunhas enxeñarías, pero en todo caso serían aquelas escalas que non teñan convocatoria actualmente en execución. 

Queremos lembrar que ainda temos ofertas pendentes dos anos 2017, 2018, 2019 e 2020 (a maiores da recentemente publicada do 2021). Nun escenario “normal”, sen pandemia por medio, no que rexese a obriga de executar no prazo de tres anos, todo o ainda non convocado do 2018 caducaría en decembro deste ano. E o pendente do 2017 (algo queda ainda), xa estaría caducado, como por exemplo a oferta que venderon moi ben na prensa para persoas con discapacidade intelectual (corpo auxiliar administrativo) ou varias categorías dos grupos I, III e IV de persoal laboral.

E non nos esquecemos das ofertas de persoal funcionario de Administración especial de escalas sanitarias, íntegramente sen convocar (anos 2018, 2019 e 2020). Nin unha palabra de resposta ás nosas preguntas.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

A AGASP e a Dirección Xeral da Defensa do Monte aplican criterios discriminatorios na selección para a formación

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellaría competente en materia de interior e xustiza, imparte formación ao persoal axente forestal (art. 4 da Lei 1/2007). A Dirección Xeral de Defensa do Monte, da Consellaría do Medio Rural, participa na organización da formación e nos procesos de...
Luns, 15 Abril 2024

Comisión de seguimento do Acordo do SPIF

Tras a xuntanza da Comisión de seguimento do acordo de condicións do persoal funcionario do SPIF do 10 de abril, a Consellería de Medio Rural enviounos un documento cunha proposta das quendas que quere implantar. Dende a CIG queremos manifestar que fomos facendo distintas achegas, pero tendo en conta que parece ser que a Consellería non quere negociar máis imos facer a nosa...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...