Na Comisión de Persoal do venres 23 de abril foron aprobados os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo dos grupos I, II e III correspondentes á OEP dos anos 2020 e 2021. E en rogos e preguntas falamos do estado dos procesos selectivos, concurso de traslados xeral, preguntamos polas máscaras, integración da Axencia de Turismo, a carreira profesional. A maiores o DXFP informou algo sobre o decreto de atención á diversidade nos centros educativos e algunha toma de posesión.

Funcionarización

Son as convocatorias de funcionarización da OEP do 2020 e 2021 do actual persoal laboral fixo dos grupos I, II e III que irán a escalas dos grupos A1, A2, B ou C1. Foron aprobadas co apoio de CCOO e UGT e voto en contra de CSIF. A CIG abstívose en grupo A1 e A2, e votamos en contra de B e C1.

A CIG está conforme en que exista un vínculo único de empregado público, sen diferencias en dereitos e deberes entre persoal funcionario e persoal laboral. Así que nada temos en contra de que exista un proceso de funcionarización do persoal laboral fixo. Pero non así.

Ao noso entender, o proceso de funcionarización debería ser o último paso despois de que se convocase un concurso de traslados previo e procesos selectivos como persoal laboral, así como iniciar unha negociación que defina os complementos de destino e específico de cada posto, de xeito que o persoal laboral fixo coñeza as condicións do cambio de vínculo, e a funcionarización non sexa un salto a cegas.

Sabemos diferenciar entre o deseño do proceso de funcionarización e as convocatorias que executan o que debería ser o último paso do proceso. E xa que logo, a CIG abstívose en A1 e A2.

En canto ao grupo B e C1, temos discrepancias nas titulacións e no grupo de destino do proceso, polo que non podemos apoiar a convocatoria e votamos en contra.

Polo que respecta aos outros sindicatos, para CCOO e UGT está todo ben. E para CSIF está todo mal.

Rogos e preguntas

Orde de atención á diversidade nos centros de ensino: van a enviarnos un novo borrador con modificacións feitas en base ás alegacións dos sindicatos. Previsiblemente sexa aprobado o mércores 28 nunha nova Comisión de Persoal.

Toma de posesión de auxiliar de enfermaría, camareiro-limpador e subalterno (Dl): afirma o DXFP que a publicación vai ser “pronto”, estando prevista para o día 10 ou 17 de maio.

Concurso de traslados de corpos xerais: conta o DXFP que enviaron ao DOG o listado definitivo de admitidos/excluídos (publicarían o 7 de maio). Insistimos en que fai meses dixera que esa publicación era para marzo, e que entre abril e maio sería a publicación provisional do baremo. Resposta que están a traballar no baremo provisional, que debería estar “pronto” (tentará dar data na seguinte xuntanza). Non resposta á pregunta de cando sería a resolución (prevista fai meses para “antes” do verán).

Carreira profesional. Preguntamos se recorreron ou non a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que deu a razón á CIG. O DXFP di que non ten certeza pero que pensa que si está recorrida. Non resposta á nosa petición a sentarnos a falar do asunto.

Máscaras: Na Mesa Xeral do martes 20 denunciamos que as máscaras que nos deron a parte do persoal tiñan unha duración máxima de 40 días, e van máis de sesenta. Na Comisión de Persoal reiteramos a pregunta, e resposta que “vai preguntar”.

Integración da Axencia de Turismo: preguntamos cales son as previsións. Nin se molesta en facer mención algunha ao asunto.

Previsión de procesos selectivos. Aínda que na MX anterior deu algunha información, reiteramos o noso interese en ter máis información. Di o DXFP que esperan ter autorización (en 15 días) para promoción interna e libre de corpos xerais antes de agosto, prevendo os exames para “xuño ou xullo”. Esa previsión sería para a promoción interna de corpos xerais, o primeiro exercicio de libre e o segundo para A1 e A2. Engade que os exames de incendios e ISSGA serían en novembro.