Novas por contido

Na reunión que a Xunta de Persoal Funcionario na provincia da Coruña tivo o pasado venres 3 de xuño coa Secretaria Territorial, a Xunta de Galiza non informou do gromo de Covid-19 detectado na planta baixa do Edificio Administrativo de Monelos. Ao contrario, foi a representación da CIG quen tivo que sacar este tema tras ter coñecemento da situación por unha traballadora.
Tras inquirir sobre a importancia do gromo, "a administración quitoulle ferro, coma se tivese unha importancia mínima, cando non é así, sen ofrecer máis explicacións", critican dende a sección sindical da CIG de persoal funcionario da Coruña. Denuncian "a burla da Xunta" no relativo á protección dos seus traballadores e das traballadoras e "o escandaloso que resulta" que na reunión se lle agochara á representación social información que foi feita pública a través dos medios de comunicación.

"Por estas noticias, enterámonos de que Sanidade aplica os protocolos de seguridade no edificio administrativo de Monelos despois de detectar tres positivos. Xa basta de desprezos, de desleixo e de preguiza na saúde laboral na Xunta". Para a sección sindical da CIG, despois do acontecido ao longo deste último ano, "a estas alturas non podemos seguir transixindo a improvisación, nin permitir a ocultación como xeito de solucionar ou atallar esta situación tan dramática".

E neste senso, esixen a dimisión das responsábeis da Delegación Territorial da Xunta na Coruña e da xefa territorial de presidencia, responsábel directa do servizo onde se deu o gromo, por non actuar coa dilixencia requirida, ocultar información e nin sequera reunir ao Comité de Saúde Laboral do Edificio para advertir dos contaxios e dar conta do alcance do gromo.

Solicitadas auditorías da Covid-19

"As persoas que traballan no edificio están preocupadas, alarmadas pola nula acción dos seus xefes e xefas directas, que como única medida preventiva tomaron a decisión de abrir unha porta. O que o persoal quere é traballar en confianza e con seguridade e non coa exposición ao perigo", conclúen. Por iso, a CIG reclama da Xunta que abandone a pasividade, traballe "decididamente na prevención" e teña en conta á representación do persoal para garantir a seguridade dos traballadores e das traballadoras.

A este respecto, sinalan que na reunión do venres, reiterouse que a CIG xa ten solicitado auditorías da Covid-19 nos centros administrativos da Xunta "para ir avaliando a situación e como método de traballo na prevención, sabendo da pouco marxe de manobra que nos deixa o virus. Nesta reunión, como nas reunións anteriores, volveron tomar nota, pero sen achegar darse ningún avance".

Nesta liña, salientan que a CIG tivo que recorrer á Inspección de Traballo para que se garantira a subministración de máscaras ao persoal, cuxa entrega ademais a administración galega demorou por poñerlles o logo do Xacobeo e da Xunta, "primando a publicidade institucional á saúde das traballadoras". Porén, advirten que a vida útil destas máscaras xa pasou "e levamos meses pedindo a súa renovación sen que se repartan novas máscaras".

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...
Mércores, 24 Abril 2024

Concurso de corpos xerais: novo listado de prazas para revisar (23/04/24)

A Dirección Xeral de Función Pública enviounos un novo listado de prazas para o concurso de traslados de corpos xerais. Non indican prazo, pero podemos alegar. Se é do teu interese, podes descargar o listado: ligazón. Se sabes de prazas que están mal ou non aparecen, podes contactar coa CIG. O xoves 25 de abril estamos convocados a unha Mesa Xeral, e teremos unha xuntanza...