Novas por contido

A CIG demandou ao conselleiro de Facenda o cese do director xeral da Función Pública

Delegados e delegadas da CIG Autonomica concentrámonos o xoves 3 de xuño diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano, tras celebrar unha asemblea no edificio Cersia, para demandar o cese do director xeral de Función Pública; denunciar os efectos da funcionarización; exixir o 1º e 2º grao de carreira profesional e a convocatoria do concurso de traslados xa.

Responsabilizamos ao director xeral de Función Pública do desastre na xestión do persoal da Xunta de Galiza, da alta temporalidade e da destrución de postos de traballo para sustentar esa administración paralela coa entrada de empresas absorbendo emprego público.

É a persoa responsable de precarizar, nos 13 anos que leva no posto, as condicións do persoal mantendo os recortes das crise do 2012, paralizando a mobilidade do persoal sen convocatorias de concursos de traslados e con promocións internas ridículas. Tamen é responsable do alto índice de temporalidade na Xunta, e xunto con CCOO e UGT, da funcionarización obrigatoria e sen garantías, da exclusión do persoal temporal e interino da carreira profesional, da falta de proporcionalidade da mesma nos tramos e nas contías.

Con todo, tan só a resposta da Xustiza ante a demanda da CIG pola carreira profesional discriminatoria bastaría para esixir a súa dimisión. 

Lamentamos que con Jose María Barreiro á fronte, a función pública galega perde a oportunidade da modernización e da renovación e ampliación dos cadros de persoal que dean frescura a unha administración que quedou obsoleta, rancia e excesivamente burocratizada.

Efectos da funcionarización

Na CIG opoñémonos a un réxime xurídico único “á baixa” no que as persoas máis afectadas son precisamente aquelas que teñen maior especificidade no posto con xornadas a quendas, noites, penosidade, toxicidade, entre outras.

Negáronse a negociar o traslado das melloras do V Convenio Colectivo Único para a lei de Emprego Público de Galiza e, ao tempo, aproveitar para recuperar aqueles dereitos suspendidos pola vaga de recortes do 2012 como o artigo 19.

Nestas condicións de incerteza para obrigar a funcionarizar o persoal fixo xogan dous elementos básicos: a carreira profesional e os concursos de traslados,  porque o salario e a mobilidade quedan limitadas se o persoal opta por non se funcionarizar. Unha chantaxe á que a maioría do persoal tivo que someterse para non quedar amarrado para sempre na súa praza. Mais co persoal temporal o teñen máis doado: ou aceptan a conversión a funcionario/a interino/a ou á rúa.

Co beneplácito de COO e UGT, Función Pública precariza e abarata o despedimento

Denunciamos o papel de CCOO e UGT, que pactan coa Xunta e argallan na comisión de seguimento do seu Acordo de Concertación, para intentar arranxar a desfeita que provocaron, mentres a CSIF busca facer caixa enfrontando ao persoal funcionario e laboral.

Con todo, quen marca as regras do xogo nesta desfeita é a Dirección Xeral da Función Pública, que semella ter como fin último da funcionarización precarizar as condicións laborais do persoal e abaratar o despedimento de máis de 5000 temporais e indefinidos non fixos.

Plan de choque contra a temporalidade

Preto do 40 % do persoal da Xunta de Galiza é temporal en prazas estruturais. Unha porcentaxe que aumenta en sectores como incendios, educación, centros residenciais de política social ou en todo o Consorcio de Igualdade e Benestar. Cómpre eliminar as taxas de reposición para poder recuperar o emprego perdido e  ter mellores OEPs, pero, en todo caso, é prioritaria a posta en marcha de procesos de estabilización reais, con criterios obxectivos nas bases das convocatorias favorecendo o mantemento do emprego. Lonxe disto,  a Dirección Xeral de Función Pública segue a ignorar este problema e, como consecuentcia, os procesos de estabilización e consolidación están, na práctica, a ser procesos ordinarios de selección deixando ao abeiro da decisión de cada tribunal os criterios de corte na fase de oposición.

Carreira profesional

O director xeral de Función Pública agocha o segundo grao e bloquea o acceso ao persoal temporal no sistema extraordinario.  Xunta, CCOO e UGT acordaron unha carreira profesional excluínte, limitada, a cachos e sen garantía orzamentaria. O persoal laboral fixo para poder cobrar a carreira profesional vése obrigado a funcionarizarse ou non cobrala. 

Por esta discriminación,  a CIG foi ao xulgado e gañou o primeiro grao extraordinario para todas, porén a Xunta recorreu en casación co fin de alongar a agonía. Entrementres, nada se sabe da orde de solicitude do segundo grao extraordinario, que está orzamentado, e do ordinario para aquel persoal que xa cumpre os requisitos. Xunta, CCOO e UGT non dubidan en culpabilizar a CIG por estender o dereito, cando o que na realidade fan é unha nova chantaxe para enfrontar o persoal e evitar a sua responsabilidade de asinar unha carreira ILEGAL. 

Concurso de traslados 

O 7 de maio publicouse a listaxe de persoas admitidas no concurso de traslados de corpos xerais que leva un ano e medio dende a convocatoria. Doutros concursos nada se sabe, como dalgunhas escalas e corpos especiais. Xa pasaron 9 anos dende a última convocatoria e do concurso de traslados do persoal laboral. Unha situación da que son responsables, de novo, os dirixentes de Función Pública que, deste xeito, vulneran dereitos nas tomas de posesión, afectan a vida do persoal e interfiren na súa promoción profesional, promovendo o clientelismo coas comisións de servizo.

Non queda outra: Barreiro dimisión, por inutil na xestión!

Outras novas recentes

Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...
Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...
Mércores, 27 Marzo 2024

Concursos de traslados de consumo, axentes ambientais e gardacostas: admitidos/as-excluidos/as provisional

Dende a Dirección Xeral de Función Pública comunítanos que o vindeiro día 5 de abril publicarán en DOG as resolucións polas que se aproban as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas dos concursos para a provisión de postos de traballo vacantes de: Escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. Escala de axentes facultativos ambientais e axentes...