Nestes derradeiros días Función Pública agasállanos cunha nova “Instrución pola que se modifican as instrucións de 29 de marzo de 2021, sobre a cobertura mediante determinadas figuras de provisión temporal de postos clasificados como de persoal laboral”.

Xa non lle vale a do 29 de marzo porque hai que facer outra chapuciña e poñer outro parche, que é o funcionamento habitual do Señor director xeral de Función Pública.

No comezo do ano Función Pública denegou sistematicamente adscricións temporais e superiores categorías a certo persoal porque se ía funcionarizar.. e tivo que recuar, xa que se estaba a eliminar un dereito recollido no V Convenio que, de momento, é de aplicación.

En marzo, o Señor Barreiro ditou unhas instrucións con data de caducidade do 30 de xuño de 2021, pero, oh sorpresa!, agora decátase de que no verán ten un problemiña con determinadas categorías que non vai dar cuberto (sobre todo de servizos sociais).. Pois sacamos outra instrución e emendamos a anterior. A estes que me fan falla... amplíolle a caducidade ata o 30 de setembro e así teño o verán "apañao".

Señor Director, o persoal está farto de parches e chapuzas.

  • Porque non lle posibilitou a promoción interna, polo que o único recurso que ten son os traballos de superior categoría.

  • Porque non lle deu opción dende hai 10 anos dun concurso de traslados, polo que o único recurso que ten son as adscricións temporais.

  • Porque o vai a funcionarizar e a vostede non lle da a gana de establecer previamente as condicións, evidentemente porque de establecelas non podería ir modificándoas segundo "vaia vindo".

A CIG-Autonómica recórdalle que os dereitos recollidos no V convenio son para a todas as categorías alí recollidas e non soamente para as que a vostede lle interesa, polo que o instamos a facer extensiva esa modificación a todas e a que se continúe coa concesión de adscricións provisionais e superiores categorías a todo o persoal que o solicite e cumpra os requisitos cos prazos previstos no V convenio.

Señor Director, deixe de improvisar e ningunear o persoal. Barreiro dimisión, por inútil na xestión!