Novas por contido

Desde a CIG denunciamos a falta de transparencia nos criterios para selección de prazas na elección de destino provisional das persoas aspirantes que superaron os procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo superior da Administración especial, escalas de enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal.

Na xuntanza de Función Pública coas organizacións sindicais do martes 15 de xuño para informar sobre as prazas a ofertar en distintos procesos selectivos, a CIG solicitou que se ofertasen todas as vacantes que non tivesen impedimento legal. Desde Función Pública indicáronse os seguintes criterios para a escolla das prazas a ofertar para as escalas de enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal (escalas con alta taxa de persoal interino): vacantes puras e vacantes ocupadas por persoal interino ata 6 anos, o que representaba un total de 28 prazas.

Así, a listaxe que enviou Función Pública ás organizacións sindicais o xoves 17 de xuño contiña ese total de 28 prazas. Menos de 24 horas despois (o venres 18) achégannos unha nova listaxe con 20 prazas, sen explicación do motivo da supresión de 8 prazas, e o martes 22 de xuño notifican a incorporación de dúas novas prazas (neste caso motívano por corresponder con prazas ocupadas por persoal interino que aprobou algún proceso selectivo).

Pedida explicacións desta modificación, infórmasenos que se trata dunha revisión do criterio aplicado, quedando a exclusión das prazas ocupadas por persoal interino a unha antigüidade anterior a decembro de 2014, computando tamén interrupcións inferiores a 6 meses.

A pregunta resulta obvia: onde está o fundamento xurídico para considerar decembro de 2014 e non outra data e que se poidan computar períodos de 6 meses e non máis ou menos? Desta forma ofértanse numerosas prazas ocupadas por persoal interino con entre dez e vinte anos de servizos na administración e que no ano 2014 víronse afectados polas tomas de posesión do único concurso de traslados dos corpos especiais que se ten celebrado desde o ano 2005, con períodos de inactividade de entre seis meses e un ano.

A maiores detéctanse os seguintes erros manifestos nas prazas actualmente ofertadas:

  • A praza MAC991000227001009 (xefatura de sección de caza e pesca fluvial de Lugo) non pode ser ofertada á escala de enxeñería técnica forestal xa que na RPT actual de Medio Ambiente aínda que está aberta para A1 e A2 está limitada ás escalas de enxeñaría de montes e bioloxía.

  • A praza MRC995013032090002 (técnico/a distrito I do Distrito Forestal XIII Valdeorras-Trives) está ocupada por unha interina con anterioridade a decembro de 2014 e tivo unha excedencia de sete meses e medio por coidado de familiares, feito que non pode ser unha penalización no criterio que está aplicando Función Pública no resto de prazas.

Esta arbitrariedade, non escrita en ningures, do criterio seguido por Función Pública, fai que se xogue cos postos do persoal interino na oferta para a elección de destino: uns merecen que lle reserven o posto e outros non.

Quen é Función Publica para decidir a quen propón para ir á rúa? É mais, como pode fixar uns criterios e cambialos no medio da partida? Aplícase este mesmo criterio para todas as eleccións de destino? É un criterio feito á carta? 

Ante a falta de transparencia e o procedemento irregular seguido na selección de prazas a ofertar nos procesos selectivos para o ingreso no corpo facultativo superior da administración especial das escalas de enxeñaría de montes e enxeñaría técnica forestal e os erros manifestos detectados, a CIG solicitou na Comisión de Persoal do mércores 23 a paralización da publicación da resolución ata que se publiquen de forma clara os criterios de selección de prazas e se revise o cumprimento en todas e cada unha das prazas. Esiximos que rematen os criterios ad hoc e os inventos que favorecen a unhas persoas temporais e prexudican a outras, segundo o caso. É dicir, queremos que se oferten todas as vacantes que non teñan impedimento legal.

Outras novas recentes

Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...