A CIG non asina o novo acordo de estabilización pactado entre sindicatos estatais e o Ministerio porque non soluciona o problema do abuso da temporalidade e mantén a taxa de reposición de efectivos.

O texto do acordo pactado o 5 de xullo de 2021 entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública, co voto en contra de CIG e ELA, publícase no BOE do mércores 07 de xullo con efectos a partir do día seguinte. 

Este Acordo que modifica o EBEP, incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados nos anos 2017 e 2018, e introduce varios cambios claramente regresivos e outros que, aínda que se venden como melloras, van ter un efecto moi limitado e incluso discriminatorio. 

Analizamos o texto: 

1. Xustificación: CONSTRÚESE SOBRE AS RUÍNAS DOS ACTUAIS ACORDOS DE ESTABILIZACIÓN DO EMPREGO DE 2017 E 2018

Os plans de estabilidade do 2017 e do 2018 non serviron, é evidente. As cifras que se reproducen no propio comezo do texto do Acordo son de escándalo: 56.000 prazas “estabilizadas” dun total de 218.000.

Na Galiza os datos de temporalidade hoxe aproxímanse ao 40%, polo que, a pesar de ter moitos procesos pendentes nas OEPs, foron pouco efectivos por lentos e caóticos con falta de criterios estabilizadores reais e homoxéneos nas notas de corte ou tipo e número de probas. 

Malia todo isto, o acordo actual levántase sobre esas ruínas, sen aportar solucións efectivas, indicando que o proceso de “estabilidade” se desenvolverá coas "mesmas condicións e características dos anteriores acordos". 

2. O apartado A) PROCESO DE ESTABILIZACIÓN NO EMPREGO PÚBLICO

Márcase o limiar de redución da temporalidade no 8% das prazas estruturais con procesos de estabilización de emprego e repítese case todo o previsto nos acordos de estabilización anteriores. 

PRIMEIRO: Afecta ás prazas ocupadas temporal e ininterrumpidamente ao menos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2020 e que non foran incluídas nos procesos de estabilización dos Acordos da Mellora de Emprego do 2017 e 2018. 

Na Administración Xeral da Xunta todas as OPES derivadas do Acordo de Concertación asinado entre Xunta, CCOO e UGT, estarían fora deste novo proceso de estabilización polo tanto fora das accións dos seguintes apartados. Así a maioría da prazas xa foron ofertadas nas OEP 2019 (incluidas repescas de OEP 2017 e OEP 2018), OEP 2020 e OEP 2021.

Os procesos desenvolveranse estean ou non as prazas dentro dunha RPT e autorízase unha taxa adicional de estabilización (como agora, non entrará dentro da taxa de reposición). 

Sinalan un prazo máximo bastante longo: os procesos deben estar resoltos antes do 31 de decembro de 2024

SEGUNDO: Os procesos selectivos de concurso-oposición, cos principios constitucionais de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e libre concorrencia, cunha valoración da fase de concurso do 40%. Como novidade posibilitan a creación de bolsas de interinos específicas ademais das listas de agarda. 

TERCEIRO: As administracións deberan asegurar os cumprimentos de prazos e implantar medidas para a axilidade dos procesos como a reducción de prazos, dixitalización, acumulación de probas..

CUARTO: A non superación do proceso selectivo da persoa que ocupe o posto dará lugar a indemnización. Ollo, só no caso das prazas convocadas ao aveiro deste plan de estabilización (non entrarían as xa ofertadas en base aos Acordos anteriores).

  • Funcionario/a interina: 20 días retribucións fixas/ano de servizo, ata un máximo de 12 mensualidades.
  • Laboral temporal: diferenza entre o máximo de 20 días e a indemnización correspondente pola extinción do contrato ata un máximo de 12 mensualidades.

A non participación no proceso selectivo non xerará compensación económica.

3. O apartado B) REFORMA DA NORMATIVA BÁSICA EN MATERIA DE EMPREGO PÚBLICO

PRIMEIRO: So se poderá nomear persoal funcionario interino por razóns xustificadas de necesidade e urxencia nestas situacións:

  • Cobertura de prazas vacantes (cando non sexa posible por funcionario/a de carreira) cunha duración máxima de tres anos. Si se lle convoca a praza durante estes tres anos, poderá permanecer ata a súa resolución e o seu cese non implicará compensación económica.

  • Substitución

  • Execución de programas de carácter temporal (3 anos + 12 meses prorroga)

  • Por exceso ou acumulación de tarefas (máximo 9 meses dentro dun período de 18)

SEGUNDO: Selección do persoal funcionario interino en base a procedementos que respecten os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e celeridade. O nomeamento non suporá en ningún caso o recoñecemento como funcionario/a de carreira.

TERCEIRO: Acúdese entre outras á causa da amortización da praza ou posto de traballo para finalizar á relación laboral sen indemnización. A ver se para despedir de balde van adicarse a amortizar!

CUARTO: As vacantes ocupadas por persoal funcionario interino deberán cubrirse a maior brevidade posible, e pasados 3 anos finaliza a relación laboral e só será cuberta por persoal funcionario de carreira, ou si nun proceso selectivo quedara deserto, farase un novo nomeamento por interinidade.

As actuacións irregulares por parte das administracións e incumprimentos de prazos máximos de permanencia dará lugar a compensacións económicas nos mesmos termos que si non se superara o proceso de estabilización, pero só será de aplicación aos nomeamentos e contratacións efectuados con posterioridade á entrada en vigor da reforma do TREBEP.  

PARA O PERSOAL DA XUNTA DE GALIZA CERO PATATERO: MOITO DO MALO E NADA DO BO 

Este Acordo non facilita as cousas aos milleiros de persoas temporais da Xunta sexan laborais temporais ou funcionarias interinas, nin lles afecta a nivel indemnizatorio, ao estar hoxe a práctica totalidade xa incluídas en ofertas de emprego anteriores. Os procesos selectivos de concurso-oposición son os mesmos que os que temos hoxe e non obriga a que cambie nada “a mellor” como facer criterios comúns e estabilizadores nestas convocatorias, temarios reducidos…

Tampouco soluciona nin pon freo ao abuso da temporalidade posto que non elimina a taxa de reposición nin fixa un marco sancionador estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade, nin establece medidas reparadoras co persoal interino vítima do abuso na contratación temporal. 

Pola contra, a “sanción”, recae no traballador/a que vai ser despedido antes dos tres anos e se por calquera causa o despedimento se produce despois para colmo será sen compensación.