A non cobertura das vacantes, baixas e permisos, bloquear o teletraballo, non vacinar ao persoal veterinario ou agora a eliminación da cita previa provoca a desprotección das empregadas e empregados públicos e das persoas usuarias deste servizo público.

Para a CIG as críticas á atención das oficinas agrarias comarcais nada teñen que ver co traballo que realiza o seu persoal sinón ao seu desmantelamento progresivo e implacable. Primeiro foron as funcións de extensión e formación que privatizaron e centralizaron e agora a obriga aos usuarios e usuarias a relacionarse dixitalmente, un plan anterior á pandemia que incumpre a propia Lei de administración dixital ao non realizarse o inventario previo de dixitalización.

A pesar deste desastre da xestión política, o persoal empregado público segue a realizar un esforzo importantísimo na atención das persoas usuarias potenciando e favorecendo o desenvolvemento deste sector primario vital para a economía galega. Traballo que moitas veces teñen que preparar e que logo o sistema obriga ás persoas a acudir a unha xestoría a rematar (rexistrar) establecendo un novo gravame efectivo para o agro galego.

Na CIG vimos de presentar un escrito á Consellería de Medio Rural, ao presidente do Comite de Seguridade e Saude Laboral e á Dirección Xeral da Función Publica para esixir medidas de proteccion ao persoal das OACS e de seguridade cara ás persoas usuarias.

Para o persoal das OACs non hai dereitos laborais nin dereito á seguridade e saúde

Mentres, a Xunta non reforza con persoal as unidades, non atende as peticións de persoal auxiliar de rexistro previsto na LEXIDGA, non cubre vacantes, baixas e permisos, nin tan sequera as vacacións do persoal, non atende a moitas flexibilidades horarias por conciliacions...

Para mais bloquea o teletraballo (incluso o covid) e non vacinou ao persoal veterinario negándolles incluso as PCR cando fan inspeccións en granxas con positivos covid. Unha cuestión de saúde pública gravísima xa que poden ser focos de novas mutacións do virus.

A última ocurrencia da Consellería de Medio Rural: eliminar a cita previa

Na CIG defendemos a cita previa nas campañas, o que se demostrou un sistema eficaz para mellorar o servizo e para evitar aglomeracións e recordamos que a atención puntual e ordinaria sempre se deu sen problemas nestas unidades polo que non se xustifica a eliminación da cita previa. Entendemos que con ista nova medida dirixida as OACs, quérese culpabilizar de novo ao persoal da nefasta xestión da Consellería de Medio Rural nestes servizos agrarios e gandeiros.

Estará o conselleiro de Medio Rural a preparar o camiño a novas privatizacións ou responde a nova onda propagandística de remodelación das oficinas?