Unha nova sentenza do TSXG declara ilegal a carreira profesional da sección segunda do Acordo de Concertación por discriminación do persoal laboral, interino e temporal.

Esta é a segunda sentenza xudicial gañada pola CIG contra a exclusión da carreira profesional do persoal funcionario interino, laboral temporal e fixo que non optara por funcionarizarse. Neste caso afecta á sección segunda do Acordo de Concertación, o pacto da vergoña que asinaron Xunta, CCOO e UGT. Na CIG nunca tivemos dúbidas desta cuestión, que foi un dos motivos polos que non asinamos o Acordo de concertación. Para nós, o principio de igualdade é básico na negociación colectiva e por suposto é un dereito fundamental.

Os seus efectos:

  • Non afecta ao réxime extraordinario, polo que seguiremos cobrando o primeiro grao e continua o dereito a cobrar o segundo, que recordamos está orzamentado para 2021.
  • Anula o pacto sindical vergoñento entre a Xunta e CCOO/UGT que provocou a violación do dereito a igualdade e non discriminación do persoal empregado público.
  • Axuda a reforzar as demandas individuais que procuran a declaración do dereito individual co cobro do sistema extraordinario dende o 1 de xaneiro de 2019.
  • A Xunta terá que negociar unha nova carreira profesional coas organizacións sindicais que lle outorgue o dereito a todo o persoal, sen que iso implique que poda derrogar ou revogar os dereitos xa concedidos en base ao sistema extraordinario de carreira profesional.
  • Ademais, complementa a sentenza previa sobre a Orde de carreira, determinando que o dereito á carreira profesional non pode ficar restrinxido ao persoal funcionario de carreira ou laboral fixo que decida funcionarizarse

Porén, a sentenza non é firme, e a Xunta pode recorrela en casación como fixo coa anterior, demandamos que non o faga e se sente a negociar xa o grao ordinario e recoñeza canto antes o grao extraordinario para o persoal que excluíu.