Orde do 20 de xullo de 2021 (DOG 30/07/2021), pola que se desenvolve a disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006 do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con caracter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación de persoal laboral da Xunta de Galicia, e se aproba o modelo normalizado de solicitude (código de procedemento AP522U)

Esta orde será de aplicación ás listas únicas que se elaboren, ao abeiro da disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, para a cobertura transitoria de postos reservados a persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e de entidades públicas instrumentais do sector público autonómico incluídas no artigo 45.a) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As persoas admitidas nas listas das categorías profesionais de persoal laboral funcionarizadas incluiranse nas listas únicas para a cobertura transitoria de postos de persoal funcionario nos corpos, escalas ou especialidades declaradas equivalentes no anexo do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, nas condicións establecidas nesta orde. As persoas penalizadas con posterioridade ao 15 de xullo de 2014, que non resultasen excluídas posteriormente por calquera outra causa, incluiranse nas listas nas condicións establecidas nesta orde e no artigo 18.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo.

Exceptúanse desta regulación as listas para a cobertura temporal de postos dos servizos de prevención e defensa contra incendios forestais que serán obxecto de ordenación específica.

As persoas incluídas no ámbito de aplicación desta orde, integrantes das listas para a cobertura temporal de prazas de persoal laboral, serán admitidas nas listas únicas, sempre que cumpran os requisitos legais exixidos para o acceso ao correspondente corpo, escala ou especialidade de persoal funcionario en que se clasifica a categoría profesional laboral que se funcionariza, nos termos establecidos no artigo 8 do Decreto 37/2006, en concordancia coa súa disposición transitoria segunda.

Listas de vinculación temporal de nova creación (art. 4 da Orde do 20 de xullo de 2021)

Cando fose necesario crear novas listas de natureza funcionarial para cuxa inclusión se requira a mesma titulación xenérica ou específica que a exixida para o acceso ás listas da categoría profesional laboral funcionarizada declarada equivalente, a Administración poderá transformar de oficio as listas da categoría laboral correspondente en listas de persoal funcionario do corpo, escala ou especialidade declarada equivalente.

As persoas integrantes das listas transformadas manterán as mesmas condicións que tiñan nas listas de persoal laboral das categorías profesionais equivalentes o día da entrada en vigor da resolución pola que se publiquen as listas definitivas A Administración comprobará que nas persoas integrantes das novas listas concorren os requisitos legais exixidos para ser admitidas nelas.

Listas de vinculación temporal en xestión (art. 5 da Orde do 20 de xullo de 2021)

Non será necesaria a creación de novas listas de vinculación temporal, no caso de que existan, en xestión, listas de natureza funcionarial equivalentes ás listas das categorías profesionais laborais funcionarizadas ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro.

As persoas integrantes das listas de contratación temporal de persoal laboral de categorías profesionais funcionarizadas interesadas en incluírse en listas en xestión de persoal funcionario dun corpo, escala ou especialidade declarados equivalentes, deberán presen tar solicitude para a súa inclusión nelas, resultando admitidos sempre que cumpran os requisitos legais para o acceso ao corpo, escala ou especialidade correspondente.

Nestas solicitudes de inclusión unicamente poderán modificarse os ámbitos territoriais e os datos persoais e, se é o caso, incluiranse as titulacións para determinadas categorías profesionais laborais cando así se estableza expresamente nas resolucións de convocatoria.

Méritos

O baremo aplicable nas listas de vinculación temporal elaboradas en desenvolvemento da disposición transitoria segunda do Decreto 37/2006, para a cobertura transitoria de postos reservados a persoal funcionario, é o establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

Valoraranse os méritos por servizos prestados como persoal laboral en categorías profesionais declaradas equivalentes no anexo do Decreto 165/2019 das cales non existan listas de contratación así como os méritos que tiveran as persoas interesadas como integrantes das listas da categoría profesional laboral equivalente nas alíneas b) e c) do artigo 9, e nos termos establecidos nos artigos 9 e 12 do Decreto 37/2006.

FORMA E PRAZO DE SOLICITUDES

No suposto recolllido no art. 4 desta Orde, as solicitudes presentaranse preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, código de procedemento AP522T, contido na Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG do 26 de febreiro), accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Para a inclusión nas listas de vinculación temporal en xestión recollidas no art. 5 desta Orde deberá utilizarse o formulario AP522U.

O prazo de presentación de solicitudes será o establecido nas resolucións de apertura da dirección xeral competente en materia de función pública.