A Xunta anuncia nos medios de comunicación a modificación do protocolo COVID das escolas infantís sen incluír o uso de máscaras FFP2 para as traballadoras/es e sen consultalo no Comité de Seguridade e Saúde Laboral

A Xunta de Galiza vén de actualizar o protocolo fronte á COVID-19 das escolas infantís de 0 - 3 anos e as delegadas de prevención do Comité de Seguridade e Saúde Laboral da Consellaría de Política Social non recibiron a máis mínima comunicación para poder facer achegas ao texto.

Este malfacer da Administración xa foi abroncado en varias ocasións e o pasado ano tivo que rectificar este protocolo e incluír o procedemento de achegas da representación do persoal.

A maiores diso, en datas recentes, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e o servizo de prevención alleo, MUGATRA CUALTIS, foron condenados a facilitar ás máscaras FFP2 e a modificar a avaliación de riscos, tanto en centros de maiores como de escolas infantís.

Se como di a Xunta o curso pasado foi seguro na COVID, foi pola forte responsabilidade do persoal e recordamos que están a mercar as máscaras FFP2 do seu peto sen que se lle reintegre o gasto e incluso con advertencias de que non debían portalas.
Temos coñecemento por parte do persoal que para este curso 2021-2022 repiten que as máscaras FFP2 soamente se poderán usar en caso de sospeita por COVID. Un copia e pega sen sentido logo da sentenza gañada pola CIG que obriga a proporcionalas con carácter xeral porque os cativos/as de 0 a 3 non as portan.

Por outro lado, a Xunta di que o Comité Clínico avala este protocolo que lles fan, pero recordamos que a avaliación de riscos dos centros non está modificada ao risco III que é o actual do virus, como dispón a normativa europea, trasposta á do Estado español.
Ademais, deben manterse os convenios de reforzos de persoal de limpeza con que se contaba neste curso para todas as escolas infantís da Consellaría de Política Social (Axencia e Consorcio), cuestión que aínda está sen aclarar.

Xunta, Consorcio: non lle deades máis voltas, díxoo a Inspección de Traballo, díxoo o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, dixémolo as traballadoras, que pretendedes?